Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga visitou os obradoiros da asociación de amas de casa “Alborada” de San Cibrao

CERVO .- O delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tardiña o curso de decoración de vidro que están a levar a cabo desde a Asociación de Amas de Casa “Alborada” de San Cibrao. Esta asociación contou co apoio da Área de Cultura e Deportes da Deputación tanto no ano 2008 coma no presente para desenvolver o conxunto das súas actividades, que son desenvolvidas e aproveitadas por un número moi grande de mulleres.

Grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación, esta asociación está a levar a cabo na actualidade o curso que hoxe visitou o delegado, Antonio Veiga, que consiste na adquisición de técnicas de decoración de vidro no cal participan un total de 30 mulleres durante 7 meses. As técnicas empregadas son diversas e son moitos os materiais que empregan, sendo principalmente o vidro pero tamén a madeira, cerámica, barro, metacrilato ou espello. Logo do proceso de aprendizaxe realizan pezas como lámpadas, botellas, cadros, xarróns, paragüeiros, reloxos de parede, fontes e un longo etcétera.

A asociación Alborada vén facendo este tipo de cursos desde hai dous anos e calculan que polas mans das mulleres participantes chegaron a facerse aproximadamente 300 pezas.

Antonio Veiga destacou a alta demanda e aproveitamento deste tipo de actividades que desenvolve a asociación Alborada e afirmou que desde a Área de Cultura e Deportes da Deputación seguirase traballando firmemente a prol de dinamizar e apoiar o tecido asociativo lucense, auténtico axente dinamizador e avivador cultural e socioeconómico dun país.

Exit mobile version