ABURELA (FNC) .- O alcalde, Alfredo Llano, amósase satisfeito da súa participación no seminario A Mariña Asturlucense, un territorio de cooperación e aboga por traballar en conxunto para mellorar e protexer o litoral.
Llano declarou sentirse orgulloso “é para min foi unha honra participar no primeiro seminario A Mariña Asturlucense, un territorio de cooperación, que ó longo destes días se celebra no Parador de Turismo de Ribadeo. Está enmarcado no proxecto Gobernanza territorial e urbana do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía no que traballan equipos de investigación adscritos a diversas universidades españolas como a de Santiago, Oviedo, Madrid, Salamanca e Valencia, entre outras. É un proxecto de moito nivel e con moito interese”.
O rexedor sinalou que “estivemos vendo como está ordenado o litoral tanto en Asturias como na Mariña e fixemos comparativas e o que concluímos é que debemos traballar todos en conxunto para mellorar e protexer este litoral asturgalaico. Estas reunións de traballo vanse manter, pero hai que potenciar as xuntanzas entre os alcaldes da Mariña para tratar de chegar a criterios comúns que sexan beneficiosos para todo o mundo”.
A expedición do seminario estivo en Burela, “visitamos o porto, a lonxa, o barco museo e participamos todos xuntos nun xantar, despois xa se van cara Asturias para continuar coas visitas. Nestes eventos apréndese moitísimo, a min veume moi ben porque estamos no proceso de redacción do Plan Xeral e hai cousas que nos poden servir de axuda”.
Xuntanza o luns
Alfredo Llano aproveitou para anunciar que OTEA, a empresa redactora do PXOM, manterá un encotro cos membros da Corporación Municipal e coa comisión de seguimento para explicar como marchan eses traballos. Será ás 17:00 horas no salón de plenos do Concello. O rexedor dixo que “será unha boa cousa para Burela e que se vaia vendo que hai plans xerais nalgúns concellos e que deben estar englobados nun conxunto que sexa beneficioso para toda a comarca”.
Pancarta
O rexedor tamén se referiu ás críticas verquidas nas últimas horas desde o grupo municipal do PP. Llano reiterou que “eu o que quero para a comarca da Mariña é que conte cun área sanitaria propia, cun órgano xestor propio que non dependa para nada doutros núcleos e que sexa unha área que coordine perfectamente tanto primaria como especializada”.
O alcalde dixo que “é certo que asistimos a un encontro da comisión de participación cidadá e cando nos fomos xa estaba todo dito. Alí o que se expuxo foi o que é unha área integrada en xeral e todos estábamos de acordo na ampliación do hospital da Costa, atendendo ó plan director, e en tentar conseguir a denominación de hospital xeral en lugar de hospital comarcal, co que eso implicaría. É unha cuestión moi importante para esta zona e como é moi importante e o vexo así por eso o estou a reivindicar”.
Alfredo Llano pregúntase “¿que me apunto á pancarta? Madia leva, claro que me apunto. Todo o que sexa beneficioso en servizos para Burela hai que loitalo, e non hai que escudarse nin estar botando culpas de que si eu fixen ou deixei de facer. Hai que arrimar o ombro e estar todos xuntos para traer servizos de calidade á nosa zona”.