NOTA DE PRENSA:
“Na Mariña hai nenos que a esta altura do curso están sen libros de texto”
“As familias mais desfavorecidas vense obrigadas a fotocopiar os libros de compañeiros para dispoñer do material de estudo necesario”
“Unha vez mais as políticas do PP teñen como consecuencia a discriminación das familias con menos recursos”, manifestou Veiga
A Mariña, 1 de outubro de 2009. O BNG levará ao Parlamento Galego unha iniciativa mediante a cal preguntará á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, si ten coñecemento da existencia de escolares que por carecer de recursos económicos, vense na obriga de fotocopiar o material escolar que precisan para os seus estudos á espera de que a Consellaría resolva as solicitudes de axudas para libros de acordo coa orde do 20 de agosto de 2009. Os nacionalistas critican unha vez mais a derrogación do anterior modelo de préstamo establecido polo goberno bipartito e denuncian que este é un exemplo mais do ataque do Partido Popular ao sistema educativo público coa consecuencia de desigualdades entre o alumnado.
Os mais desfavorecidos son os primeiros en sufrir as políticas do Partido Popular
“Non é admisíbel que un mes despois do inicio do curso escolar haxa nenos e nenas que aínda non conten co material necesario para o seu estudo”, denunciou Veiga, esta situación xa foi detectada en centros de ensino da comarca onde familias con escasos recursos económicos vense obrigadas a fotocopiar material escolar de compañeiros para poder proseguir o curso escolar, agardando a resolución das axudas solicitadas. O Portavoz Comarcal do BNG, Antonio Veiga, denunciou estes feitos anunciando que o BNG “presentou unha batería de preguntas no parlamento para saber si a Consellaría de Educación ten coñecemento destes feitos, cales son as consecuencias pedagóxicas para os e as afectadas e como vai resolver este problema”
Mais que unha Consellaría semella unha brigada de demolición
“A Consellaría de Educacións semella mais unha brigada de demolición que un xestor prudente e eficaz”, dixo Veiga, engadindo que “dende que tomou posesión, o actual conselleiro non acertou nin na forma, nin no fondo”; O nacionalista referiuse aos enfrontamentos do conselleiro co profesorado de primaria e secundaria, coas ANPAS, coa universidade, coa RAE e aos ataques contra o idioma galego “que pretenden un retroceso de 20 anos nos dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas”.
A Orde de 20 de agosto publicada pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria pola que se convocan bolsas para a compra de libros de texto destinadas ao alumnado de 1º,2º,5º e 6º de educación primaria para o curso 2009/2010 regula o prazo de resolución das axudas solicitadas en 6 meses, un prazo que Veiga cualificou de “excesivo tendo en conta a evolución da crise económica e a constante perda de poder adquisitivo de moitas familias”. Veiga reclamou, unha vez mais, “cambios na política educativa que nin supón un aforro, nin axuda ás familias con menos recursos e mais ben correo perigo de xerar casos de exclusión social”