SANTIAGO .- A Xunta de Galicia desbloqueará o urbanismo da localidade lucense de Barreiros coa redacción dun Plan Especial, por elo no mes de novembro asinarase un convenio de colaboración entre o alcalde desta localidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A actual situación do concello de Barreiros en materia urbanística, fai necesario acometer solucións dende o departamento que dirixe Agustín Hernández para o beneficios dos veciños desta vila da provincia de Lugo.
Nos últimos anos, produciuse neste concello unha intensificación da actividade edificatoria, unida á importante incidencia que supuxo a supresión das Normas Subsidiarias Municipais mediante o Decreto 15/2007 e as imputacións Contencioso-Administrativas contra a práctica totalidade das licenzas de construción concedidas a partir de 2006, o que ocasionou un profundo impacto económico negativo.
Para lograr a superación desta situación, a Consellería de Medio Ambiente elaborará varios procedementos administrativos que poidan lexitimar a transformación material dos ámbitos de solo urbano delimitados nas Normas Subsidiarias suspendidas, a fin de dotalos das redes de servizos urbanos con características e niveis de suficiencia legalmente requiridos. Por todo isto, a Xunta de Galicia levará a cabo determinadas actuacións como a elaboración dun convenio marco técnico-económico de colaboración interadministrativa, no que participarán o concello de Barreiros, a Consellería de Medio Ambiente, ao que se invitará incorporarse á Deputación Provincial de Lugo.
Compromisos das partes
Pola súa banda, o concello de Barreiros comprométese a ter actualizado o convenio de colaboración Concello-empresarios, subscrito o 4 de xullo de 2006, co fin de facer posible a ampliación e mellora das infraestruturas municipais de abastecemento de auga; e determinar as obrigacións dos empresarios intervintes para a financiación destas obras. Tamén garantirán que a execución das infraestruturas de abastecemento de auga e saneamento, rede viaria, suministro de enerxía eléctrico e alumeado público dos núcleos urbanos de Barreiros; e as actas de renuncia dos empresarios a calquera tipo de reclamación de responsabilidade patrimonial.
O Plan Sectorial que se redactará será de incidencia supramunicipal, e desenvolverase mediante 4 proxectos sectoriais, un por cada un dos catro núcleos urbanos existentes, iso si, fóra sempre da franxa de 500 metros medida dende a ribeira mar e, polo tanto, con exclusión do núcleo urbano de San Bartolo.
Así, as tarefas de confección material do Plan e Proxectos Sectoriais, será asumida polo Concello co empresariado que subscribiu ol convenio de xullo de 2006, mentres que a supervisión, tramitación e aprobación corresponderá á Xunta de Galicia, así como a definición dos prazos, características e dimensionado. Como tamén a licitación das obras e a dirección e recepción das mesmas.
Custes
O custe da redacción do Plan e dos catro proxectos, ademais da financiación das obras será conforme ao compromiso de asunción de custes a cargo dos empresarios intervintes. O custe restante da obra urbanizadora proxectada no Plan Sectorial e os seus proxectos de desenvolvemento, asumirana a Xunta de Galicia, o concello e a Deputación.
Segundo os parámetros básicos prefixados no Convenio Marco para garantir un desenvolvemento sostible, axustarase ao disposto no Regulamento sobre Proxectos Sectoriais de incidencia supramunicipal. Establecerá as condicións xerais para o desenvolvemento posterior da urbanización nos catro núcleos urbanos existentes: San Cosme de Barreiros, San Pedro de Benquerenza, San Miguel de Reinante e Reinante.
Así mesmo, desenvolverán o Plan Sectorial, regulando en detalle e co nivel de definición propio dos proxectos de urbanización.
Por último, levarase a cabo a modificación da normativa da ordenación provisional aprobada por Decreto o pasado un de febreiro, xa que é o elemento de peche para facer viable a proposta.