CERVO .- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras de construción dos colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais de Cervo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares valorou positivamente esta publicación, a cal cualificou de “unha mostra máis” de que que se están a dar pasos firmes para levar adiante esta obra e reiterou o seu agradecemento aos novos responsables do Goberno galego “que con esta publicación materializan o seu compromiso de rescatar do esquecemento un proxecto que estaba bloqueado nos caixóns do anterior Executivo bipartito” sinalou.
Villares lembrou que esta obra era unha infraestrutura moi demandada polos veciños de Cervo e de Figueirido e que nos últimos catro anos, co Goberno bipartito na Xunta, a única resposta que tivo o Concello sobre a mesma “foron as boas palabras”. Ademais salientou a importancia que ten para todos os veciños da conca do río Xunco contar con esta nova rede de saneamento das augas residuais, non só desde un punto de vista medioambiental senón tamén como infraestrutura para o desenvolvemento, o progreso e o crecemento destas localidades “algo polo que sempre apostou este Goberno municipal”.
O rexedor asegurou que con esta nova depuradora garantirase a prestación dun servizo de calidade para os núcleos que bordean o río Xunco, ao tempo que suporá un aforro para o concello “e permitiranos ter unha visión integral dunha zona de especial interese paisaxístico e natural coma é a canle deste río e do seu contorno”.
Proxecto a realizar
Para a construción desta nova infraestrutura a Xunta de Galicia destinará 1.752.744,10 euros divididos en tres anualidades.
Así, neste mesmo exercicio, a Xunta de Galicia fará un investimento de 175.275 euros; no ano 2010 achegaranse 1.477.469,10 euros; e no ano 2011 o gasto suporá un custe de 100.000 euros.
O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% do custo das obras, que se executarán nun período de 12 meses e que ao seu remate darán servizo a máis de 1.500 habitantes dos núcleos de Cervo e Figueirido.
O organismo autonómico Augas de Galicia levará a cabo distintas actuacións, co fin de resolver as carencias da rede de saneamento dos núcleos de Cervo e Figueirido, que inclúen verteduras de augas residuais sen depurar ao río Xunco, polo que se propón a construción dunha nova estación depuradora con capacidade para dar servizo a máis de 1.500 habitantes, así como colectores que unidos á rede actual, levarán a auga á Edar. Tamén se realizarán melloras na rede de Figueirido.