Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aproba o anteproxecto de Lei de Pesca para enviar ao Parlamento

SANTIAGO.- No Consello da Xunta de hoxe a probouse o anteproxecto de Lei de Pesca para modificar a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia aprobada polo anterior goberno. Tamén aprobou o Proxecto de Lei de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010, coa pretensión da recuperación económica, estimando un crecemento maior ao de España.

NOTA DE PRENSA
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O ANTEPROXECTO DA LEI DE PESCA

§ A Consellería do Mar espera dispor da nova lei no mes de decembro deste ano

§ A nova normativa conta coa aprobación do sector a través do Consello Galego de Pesca

§ O texto, que responde a un compromiso do novo Goberno, iniciará agora a súa tramitación parlamentaria

§ O texto recupera o permex e o réxime xurídico das confrarías e modifica o cómputo do período concesional das bateas

O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao anteproxecto de lei de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia. O documento, que abarca a modificación de 82 aspectos do texto da normativa anterior, será enviado ao Parlamento para comezar a súa tramitación, e a Consellería do Mar confía en que a nova lei entre en vigor en decembro. Con este articulado, a Xunta cumpre co seu compromiso de elaborar unha nova lei que se adecúe ás demandas do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e de acadar o seu apoio unánime e o seu consenso.

O obxectivo desta actuación, que responde a un compromiso do novo Goberno, é reformar a lei para dotala de operatividade, modernidade e firmeza e mellorar aqueles aspectos do articulado redactado polo anterior Executivo cos cales o sector estaba desconforme.

De cara a reformar o texto, a Consellería do Mar tivo en conta as alegacións e ditames do sector. Así, o pasado 4 de setembro o Consello Galego de Pesca (CGP), o órgano consultivo e asesor da Xunta nesta materia, aprobou o ditame do sector para a modificación da lei.

O novo regulamento mantén o réxime xurídico existente con anterioridade á promulgación da Lei 11/2008 a respecto das confrarías de pescadores. Do mesmo xeito, propón que o Servizo de Gardacostas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) continúen tendo o seu propio marco xurídico, para evitar as complicacións e ineficiencias administrativas que suporía a súa extinción.

A futura normativa recupera o permiso de explotación (permex) como ferramenta que resulta imprescindible para poder mariscar e pescar. Os permex terán validez durante toda a vida útil da embarcación, sempre que esta reúna as condicións sobre navegabilidade, flotabilidade e seguridade e serán expedidos especificamente para artes ou zonas determinadas que poderán ser estacionalmente alternantes.

Outra das modificacións máis importantes que inclúe o articulado é a reforma do período concesional das bateas para garantirlle ao sector a continuidade da súa actividade. En materia de acuicultura mariña, incorpora un novo procedemento para outorgar novas concesións no caso de extinción por vencemento do prazo, máis áxil e sinxelo e tamén presidido polos principios de obxectividade, publicidade e concorrencia.

Como novidade, a nova lei inclúe a creación dun comité científico galego como un órgano de consulta e asesoramento científico e técnico da Xunta de Galicia nos asuntos relacionados coa xestión dos recursos mariños.

Outra das novidades é a supresión da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, prevista na lei e aínda non desenvolvida, xa que os seus fins poden ser acadados mediante a estrutura da Consellería do Mar, coordinando de forma directa e efectiva os seus propios recursos e as medidas e accións que se van desenvolver nas poboacións costeiras. Esta acción suporá un aforro de 700.000 euros anuais.

O texto plasma a obriga da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia de levar a cabo a defensa da frota galega cando faene en augas que non sexan da súa competencia, co fin de manter a súa actividade e o seu nivel de puxanza e achega ao cómputo pesqueiro galego.

Por último, regula con claridade as actuacións de modernización e reconversión da frota, e etablécensee, seguindo o criterio de equilibrio entre o eido ambiental, económico e social as medidas de adecuación da frota ao estado dos recursos.

—-

A XUNTA APROBA UNS ORZAMENTOS PARA 2010 QUE PERMITIRÁN QUE GALICIA INICIE A SENDA DA RECUPERACIÓN ECONÓMICA

§ O Goberno galego destinará case 7 de cada 10 euros a gasto social, co que incrementará dous puntos o seu peso nas contas

§ O Executivo aumentará un 1% os investimentos malia a caída dun 12% dos ingresos non financeiros

§ Aposta por non subir a presión fiscal dos cidadáns e aproveitar o recurso á débeda para realizar investimentos produtivos

§ As prioridades serán os servizos públicos, a recuperación económica e a converxencia e a competitividade

§ A combinación de políticas baseadas na solidariedade e no investimento posibilitarán que Galicia volva ter un PIB positivo, do 0,2%, cinco décimas por riba da previsión do Estado

§ Sanidade, Educación, Políticas Activas de Emprego, Economía do Coñecemento, Mobilidade e Infraestruturas, Cohesión e Benestar Social e Dinamización Económica serán os eixes dos orzamentos

§ As contas reflicten un compromiso coa dependencia, con 74 millóns de euros máis, un 45% máis

§ A Xunta tamén compensará con case 30 millóns de euros máis as universidades e con 20 os concellos

§ O Xacobeo 2010 contará cunha partida específica de 42 millóns de euros e terá uns efectos na economía galega duns 200 millóns de euros.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Proxecto de Lei de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010, unhas contas que permitirán a Galicia iniciar a senda da recuperación económica e volver ter unha taxa positiva do PIB, que se estima no 0,2%, medio punto por riba da previsión do Goberno central para o conxunto de España.

O gasto non financeiro para o vindeiro ano ascenderá a 11.052,1 millóns de euros, un 3,3% menos que no exercicio de 2009. O Goberno galego destinará case 7 de cada 10 euros a gasto en sanidade, educación e servizos sociais, polo que o seu peso relativo gaña dous puntos.

As prioridades das contas autonómicas para o vindeiro ano serán uns servizos públicos próximos e eficientes, a recuperación económica e a converxencia e a competitividade, cunha combinación de políticas baseadas na solidariedade e no investimento que traerán como resultado que Galicia saia da recesión e volva ter crecemento.

Os orzamentos da Xunta para 2010 céntranse en sete eixes de actuación fundamentais en que se priorizará o gasto. Así, as partidas relativas a sanidade contarán en 2010 cun total de 3.728,3 millóns de euros; as de educación, con 2.367,2; as de políticas activas de emprego, con 386,8; as da economía do coñecemento, a 185,4; as de mobilidade e infraestruturas, con 503,3; as de cohesión e benestar social, con 577; e as de dinamización económica, con 745,3 millóns de euros.

Os investimentos soben un 1%

A pesar da caída dun 12% dos ingresos non financeiros, o capítulo VI de investimentos crecerá un 1% grazas ao recurso á débeda e a fórmulas de financiamento específicas, extraorzamentarias, que permitirán situar en 1.578 millóns de euros os investimentos reais.

O Executivo autonómico, ao contrario que o Goberno central, non subirá a presión fiscal dos cidadáns e apostará por aproveitar ao máximo a súa capacidade de endebedamento para poder financiar investimentos produtivos. Ademais, os gastos de funcionamento da administración autonómica baixarán un 20%.

A Xunta de Galicia tamén aposta, nun período de dificultades económicas, por un modelo baseado na economía do coñecemento e destina 49,8 millóns de euros a I+D+i, un 0,8% máis; 50,6 millóns de euros á sociedade do coñecemento, un 5,5% máis; e 46,8 millóns de euros a modernización, un 15,4% máis.

As contas autonómicas de 2010 reflicten un compromiso coa dependencia, que sumará 74 millóns de euros máis, un 45% máis que este ano, con incrementos interanuais do 52,1% en libranzas, do 11,9% en residencias, do 9% en centros de día e do 0,9% en axuda no fogar.

Este esforzo tamén se aprecia nas universidades e nos concellos. Así, as universidades galegas recibirán un financiamento adicional de 28,2 millóns de euros e os municipios unha partida adicional de 18,3 millóns de euros.

O Xacobeo será outra das prioridades dos orzamentos de 2010 e contará cunha partida específica de 42 millóns de euros, que será complementado con actuacións e recursos adicionais da maioría de consellerías da Xunta. O Goberno galego estima que os efectos do Ano Santo na economía galega rondarán os 200 millóns de euros.

Exit mobile version