Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición fotográfica “Lembranzas do mar” quedará instalada no peirao de Burela

As fotos colgan do muro do espigón do peirao de Burela

BURELA (FNC) .- A exposición fotográfica Lembranzas do mar queda definitivamente instalada no peirao de Burela, segundo ven de anunciar a concelleira Remedios López Villar.
A responsable de Mar manifesta que “a exposición é unha homenaxe que a Concellaría de Mar adicou a todas aquelas xentes que axudaron e participaron de distintas formas a que Burela saíra a diante e fora coñecida, a través da historia, pola súa tradición mariñeira de pesca artesán de gran calidade”. Remedios López lembra que “esta exposición ubicada ao aire libre na praza do Concello, foi  inaugurada o 24 de maio do 2008 polo aquel entonces presidente  de Portos de Galicia, Jacinto Parga Fernandez. Estaba previsto mantela un mes para que fose visitada polos veciños de Burela durante as festas patronais, pero debido  á grande acollida que tivo  seguiu alí durante todo o verán e recolléuse a finais de  setembro porque as inclemencias metereolóxicas deterioraron os paneis e  agora unha vez restaurada ubícase de forma definitiva no peirao de Burela”.

A edil socialista sinala que “esta exposición Lembranzas do mar consta de 45 paneis de 1×1,5 m que relatan a través de fotos cómo era o porto nun principio e como foi medrando, hai imaxes da pesca, dos barcos, das xentes do mar, redeiras, imaxes de actividades paralelas á pesca como a do transporte de caolín, transporte da madeira, de bobinas de mercante, imaxes de procesións, de afundimentos, de botaduras…”. Remedios López engade que dita exposición é posible “grazas ó arquivo fotográfico da Concellaría do Mar e ó tamén arquivo fotográfico que ceden de forma altruista o colectivo Buril e o IES Monte Castelo”.

A concelleira de Mar manifesta que “se está a traballar noutra exposición deste tipo. O arquivo fotográfico permanece aberto e todas aquelas persoas que teñan fotos antigas relacionadas co mundo do mar e queiran velas  expostas na próxima exposición poderán traelas ó Concello onde lle faremos unha copia e devolveremos intactos os orixinais”.

Exit mobile version