O máximo mandatario provincial lembrou que “Lugo conta con máis de 100 quilómetros de costa e con máis de 60 praias únicas que para moitos seguen a ser unhas descoñecidas. Por iso, hoxe propuxémoslles aos rexidores da Mariña a posta en marcha dunha iniciativa que converta as nosas praias nun referente ecoturístico en España”.
O Presidente explicou que a Deputación xunto cos Concellos traballarán para obter o certificado de calidade para praias “ISO 14001” que só teñen 5 areais galegos. “A provincia conta con 24 praias distinguidas coa bandeira azul, unha certificación que se concede nun momento concreto, e que non ten en conta a mellora ou o empeoramento da costa. É como unha foto fixa”. Asimesmo, a praia de Foz ten o distintivo Q de Calidade turística que valora aspectos estéticos, e que afectan directamente aos usuarios.
Pola contra, Gómez Besteiro subliñou que “a certificiación ISO 14001 e máis esixente. As praias deberán mellorar en todos os sentidos e garantir o cumprimento das leis de forma directa ou indirecta para conservala”. Neste senso, o titular provincial explicou que, para renovar esta acreditación, anualmente inspectores avalían dende a calidade da agua, os servizos aos usuarios, se o persoal ou o equipamento ten a licenza correspondente, ata se as empresas relacionadas cos areais cumpren estrictamente as leis etc.
Certificación antes do verán
Antes do verán as praias dos Concellos que se adhiran a iniciativa do organismo provincial terán a certificación ISO 14001. Gómez Besteiro salientou que “este tipo de iniciativas están comezando a contemplarse nos fondos europeos, polo que a Deputación xa se están adiantando con este tipo de axudas. Empezaremos polas praias urbanas e semiurbanas porque son as que teñen maiores dificultades, aínda que a nosa intención é ampliar a liña ás 62 praias da Mariña”.
O Presidente subliñou que “a iniciativa fomenta o ecoturismo e é unha oportunidade económica, sobre todo, nestes momentos de criste. É importante que a Xunta e o Goberno Central se impliquen tamén no proxecto. Nós xa vamos destinar unha partida específica a este fin nos Presupostos de 2010”.
No acto de presentación do ambicioso proxecto medioambiental da Deputación, estiveron presentes o Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, o Deputado de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, ademais de alcaldes de todas as cores políticas que acudiron logo de aceptar a invitación do Presidente da Deputación. En total foron 7 os rexidores que participaron na xuntanza: Fernando Suárez, (Ribadeo); Jose María García (Foz), Alfonso Villares (Cervo), Alfredo Llano (Burela), Melchor Roel (Viveiro), Alfonso Fuente (Barreiros), e José Jesús Novo (O Vicedo). O alcalde de Xove, José Salgueiro, non puido participar por motivos de axenda.