Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación forma os traballadores dos concellos sobre os contratos laborais

LUGO .- A Deputación está a levar a cabo distintas accións formativas co obxectivo de actualizar a formación dos empregados públicos dos Concellos da provincia. Hoxe desenvolveuse na Aula de Formación un obradoiro sobre despidos e extincións de contratos de traballo na administración local.

O curso, eminentemente práctico, inclúese no Plan de Formación Propio da Deputación. A iniciativa partiu da Área de Cooperación cos Concellos, de onde se detectou que o 100% dos municipios teñen problemas co proceso de resolución de contratos do persoal laboral. Deste xeito, a Deputación satisface unha vella demanda dos municipios, unificando criterios neste eido e formando ós seus traballadores. Na xornada participaron uns 33 empregados de distintos Concellos da provincia. Desenvolveuse desde as 16:30 ás 20:30 horas.

Os destinatarios foron funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter estatal e empregados públicos locais de provincia de Lugo responsables da xestión de expedentes que teñan relación directa co obradoiro. No curso abordáronse os principais problemas teóricos e prácticos nos despidos e na extinción de contratos de traballo.

A Cooperación cos Concellos centra a xestión do equipo de goberno da Deputación. Deste esta Área estase a desenvolver un importante labor na asistencia ós municipios. Este asesoramento dívidese en tres áreas: xurídica, económico-financieira e técnica. Esta última, está integrada pola asistencia urbanística, novas tecnoloxías, xestión administrativa, xestión de recursos humanos, patrimonio, expropiacións, medio ambiente, arquivo ou protocolo. Neste senso, a de Lugo colócase na mesma posición que outras Deputacións que dende hai tempo xa contan con este servizo.

Ampla formación para os Concellos

Asimesmo, o 18 de novembro dará comenzo o obradoiro de “Proba no Procedemento Administrativo. Articulación dos Distintos Medios de Proba”. O curso, que tamén se inclúe no Plan de Formación Propio da Deputación, ofrecerá ós traballadores dos entes locais información sobre a normativa e o procedemento para a aplicación práctica da probatoria (actividade procesal realizada segundo os medios establecidos pola lei e tendentes a crear a convicción xudicial sobre a existencia ou inexistencia dos feitos afirmados polas partes como fundamento das súas pretensións ou defensas). O obradoiro, que se impartirá tamén na Aula da Deputación, desenvolverase en horario de 16:30 a 20:30 horas.

Ademais, destes dous cursos, o Plan de Formación, tamén incluíu outras accións formativas nas que se analizou o cumprimento do obxectivo de estabilidade presupostaria e os procesos informáticos en materia de xestión e recadación tributaria.

Exit mobile version