LUGO .- O delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asinou co alcalde de Alfoz, Emilio Llousas Muíña, un convenio de colaboración por un importe de 16.872,93 euros a través do cal a área de Deportes da Deputación financiará as obras de instalación dun sistema de regadío automático no terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Alfoz. No acto de sinatura do convenio, celebrado no salón de plenos da Casa do Concello de Alfoz, estiveron presentes ademais membros de todas as forzas políticas con representación na corporación municipal (BNG, PP e PSOE), así como representantes da directiva do Club Deportivo Alfoz, equipo de fútbol que milita na 2ª Autonómica de Fútbol e principal usuario desta infraestrutura deportiva.
Segundo indicou Antonio Veiga, “a instalación deste sistema automático para regar a superficie de xogo do municipal de Alfoz permitirá optimizar o seu mantemento nas épocas estivais e de choivas pouco frecuentes, de xeito que a herba poida medrar coa cantidade de auga que necesite en calquera estación do ano”. Como indicou o nacionalista, “a Área de Deportes da Deputación recolleu esta vella demanda dos afeccionados e practicantes de fútbol de Alfoz e deu resposta a ela articulando este convenio para poder efectuar as obras no momento que se estime máis oportuno”.
O alcalde de Alfoz, Emilio Llousas, agradeceu este compromiso da Deputación de Lugo cara o Concello de Alfoz, que vai permitir afrontar unha obra para mellorar unhas infraestruturas municipais que doutro xeito, en concellos pequenos coma o de Alfoz nos que os orzamentos están sempre tan axustado, non se podería levar a cabo.
Os membros da directiva do Club Deportivo Alfoz agradeceron tamén ao delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, que tivese en conta as súas demandas e afirmaron que unha vez que as obras se finalicen os traballos de mantemento do céspede serán máis levadeiros e conseguirase optimizar o estado do terreo de xogo.
A Área de Deportes da Deputación continúa, deste xeito, co seu traballo a prol de dotar aos concellos lucenses dunhas infraestruturas deportivas de calidade, que posibiliten a práctica deportiva con garantías para toda a poboación.