Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación coopera para fomentar a economía e mellorar a situación dos habitantes de Cabo Verde

LUGO .- A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, recibiu na sede do organismo provincial a Gloria da Silva, concelleira de Benestar Social en Praia, e a Vera Almeida, alcaldesa de Paul, ambas as dúas localidades pertencentes a Cabo Verde. A visita enmárcase dentro do programa de cooperación e solidariedade que o Fondo Galego está a desenvolver neste país, e no que a Deputación inviste 10.000 euros anuais

NOTA DE PRENSA

A Deputación  reitera o seu compromiso coa cooperación internacional coa visita de representantes de Cabo Verde

– Lara Méndez recibiu en San Marcos a mandatarias de dous concellos caboverdianos onde o Fondo Galego traballa pola igualdade de xénero

– O organismo provincial inviste 10.000 euros ao ano en actividades para fomentar a economía e mellorar a situación dos habitantes deste país africano

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, recibiu na sede do organismo provincial a Gloria da Silva, Concelleira de Benestar Social en Praia, e a Vera Almeida, Alcaldesa de Paul, ambas as dúas localidades pertencentes a Cabo Verde. A visita enmárcase dentro do programa de cooperación e solidariedade que o Fondo Galego está a desenvolver neste país, e no que a Deputación inviste 10.000 euros anuais.

Concretamente, o Fondo Galego, órgano do que forman parte 98 Concellos da Comunidade e as catro Deputacións, ten en marcha en Paul e Praia o proxecto de Apoio á implementación de Políticas Locais cunha perspectiva de xénero. A iniciativa, que arrincou en 2008, ten como obxectivo promover a igualdade entre mulleres e homes. Deste xeito, estase a elaborar un plan para que a muller forme parte das políticas municipais.

Durante o encontro, Lara Méndez quixo reiterar o apoio da Deputación na consecución deste fin, e subliñou que “malia os avances, queda moito percorrido para que a igualdade de xénero sexa real, polo que a Deputación seguirá colaborando co Fondo Galego neste proxecto”.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Paul explicou que o seu concello é o segundo máis pobre deste país africano que vive da agricultura, un sector “onde as mulleres están ausentes xa que todo está dominado polos homes. Elas só se dedican as tarefas domésticas, eu, como alcaldesa, son un exemplo de que é posible erradicar a desigualdade”.

Vera Almeida agradeceulle a Deputación a súa colaboración nun plan que “identifica os problemas da sociedade e crea políticas sociais”. Da mesma maneira, a Concelleira de Benestar Social de Praia, engadiu que “coa financiación da Deputación de Lugo “estase a mellorar as infraestructuras comunitarias e incluso a impulsar a capacitación das mulleres que non teñen formación académica”.

Ambas as duas mandatarias explicaron que os Concellos de Praia e Vera, sofren carencias educativas, sanitarias e en materia de infraestruturas, entre oturas. Os habitantes de Praia, por exemplo, non teñen acceso a auga e o sida ou os abusos sexuais a menores son uns dos seus principais problemas.

Trala recepción en San Marcos, a Vicepresidenta Segunda do organismo provincial acompañou as mandatarias caboverdianas ao centro da Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas en Lugo, onde o organismo provincial está colaborar para que este colectivo teña protección xurídica, económica e psicológica. Logo, a visita continuo na Casa da Muller en Burela e cun encontro coa comunidade caboverdiana residente nesta localidade luguesa.

Proxectos en Cabo Verde

A Deputación provincial destina anualmente 25.000 euros ao Fondo Galego para distintas actuacións enmarcadas na cooperación internacional. Só en Cabo Verde, dende 2002, o organismo provincial colabora con esta entidade na construcción de infraestructuras comunitarias, en obras de mellora de portos xa que a pesca é motor da economía deste país africano, así como na creación de axudas a formación laboral e educativa.

Cabo Verde ten unha poboación que supera os 500.000 habitantes onde o 30 por cento viven na pobreza. A esperanza de vida é de 70 anos, a alfabetización supera o 80 por cento e a renta per cápita ronda os 2.4000 dólares.

Exit mobile version