Nota de Prensa
O CONSELLO LOCAL DO BNG denuncia que a supresión da gratuidade dos libros de texto imposta arbitrariamente polo PP prexudica gravemente ás familias dos máis de 230 alumnos e alumnas que neste curso cursan os seus estudios en 1º, 2º 5º e 6º de Primaria nos centros públicos de ensino de Burela
O BNG de Burela manifesta que unha vez máis o PP enganou aos cidadáns cando o deputado Sr. Balseiro denunciaba que co anterior sistema de gratuidade polo modalidade de préstamo había familias que tiñan que pagar unha parte do custe dos libros e prometían que si eles gobernaban cambiarían o sistema de préstamo de libros de texto para garantir a gratuidade e titularidade dos mesmos. Agora comprobamos ás súas mentiras e falsidades porque agora paga todo o mundo e a maioría o 100% do custe dos mesmos.
O PP con esta medida pon en perigo a igualdade de oportunidades entre o alumnado de Burela causando un grave prexuízo nun momento de dura crise económica. Co novo modelo do PP apenas o 25% das familias do concello recibirán a axuda máxima (180 €), axuda que en moitos casos non chega para pagar o custe total dos libros de texto, que poden chegar ata os 240€
Outra parte importante das familias de Burela con rendas baixas pagarán o 50 % do custe e a maioría aínda que sexan mil euristas pagarán o 100% do custe.
A supresión do sistema de préstamo gratuíto posto en marcha polo Goberno Bipartito e substituído pola falacia da chamada “gratuidade solidaria”, supón eliminar un sistema que garantía a gratuidade nos libros de texto ao 100% do alumnado de Burela.
Non deixa de resultar abraiante que para a concesión de axudas para a compra de automóbiles ou para a supresión do imposto de transmisións patrimoniais, non haxa límites de renda pero si para a compra de libros de texto , material imprescindible nun servizo público e universal como é a Educación.
Coa política do PP os habitantes de Burela con fillos en idade escolar terán que pagar máis polos servizos públicos.
O BNG insta ao PP local a que tome iniciativas reais en defensa dos intereses das familias de Burela para garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso e de paso compre recordarlles que tampouco viría mal que potenciasen e mellorasen os comedores escolares no concello dende as súas responsabilidades na Consellería de Educación.