Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira de Sanidade anuncia que reforzará o Hospital da Costa

SANTIAGO.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, indicou sobre as previsións da Xunta de Galicia respecto do mantemento da área sanitaria da Mariña lucense, coñecida tecnicamente como Cevo-Burela que quen afirme que o goberno pretende suprimir a área sanitaria da Mariña lucense “minte intencionadamente” e engadeu que o Hospital da Costa será reforzado tanto en servizos coma en especialización e autonomía, según indica en nota de prensa.

Nota de Prensa

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, reiterou no Parlamento que en ningún momento a Xunta planeou modificar o mapa sanitario de Galicia, polo que quen afirme que o Goberno pretende suprimir a Área Sanitaria da Mariña lucense “minte intencionadamente”. Asegurou, en cambio, que o Hospital da Costa -en Burela- non só será a referencia sanitaria da Mariña, senón que será reforzado tanto en servizos coma en especialización e autonomía.

A conselleira avanzou que será un hospital “mellor e máis completo” que na actualidade. “Foi un goberno do Partido Popular quen creou o Hospital de Burela e será un goberno do Partido Popular quen o reforce”, subliñou.

Así, explicou que na actualidade xa se están a preparar dúas obras para potenciar este centro, cun investimento que supera o millón de euros. A primeira delas abrangue a área de hospitalización de obstetricia e a remodelación dos paritorios, e a segunda refírese ao cambio que cómpre facer na cuberta de fibrocemento e na rampla de acceso. Segundo dixo, da primeira das actuacións xa está preparado o proxecto arquitectónico e adxudicada a obra, e, no segundo caso, estase a elaborar o proxecto.

“Os burelenses e todos os mariñenses teñen o compromiso desta conselleira cos seus servizos e coa ampliación dos mesmos”, declarou Pilar Farjas, quen informou que xa se está a citar aos 1.500 pacientes que tiñan as súas peticións de cita “nos caixóns” do Hospital da Costa, e que deu instrucións para que isto se faga no menor tempo posible.

Tamén sinalou a posta en marcha do programa de consultas de alta resolución de Cardioloxía como actividade extraordinaria, o primeiro que vai facer o hospital de Burela, co obxectivo de garantir aos cidadáns desa zona unha asistencia eficaz en tempo e forma, “dada a importante bolsa de pacientes non rexistrada neste servizo coa que se atopou o novo equipo directivo”.

Na súa intervención, Pilar Farjas acusou á oposición de intentar confundir á opinión pública e lembrou que o anterior Executivo tiña previsto incorporar a Área Sanitaria da Mariña á de Ferrol, mentres que o actual está a apostar pola súa viabilidade e sostenibilidade; e pola continuidade asistencial entre Atención Primaria e Especializada, urxencias e sociosanitario.

Exit mobile version