SANTIAGO.- Representantes da asociación de veciños “O Vencello” de Burela reuníronse en Santiago coa conselleira de Sanidade, quen lles ratificou a permanencia da área sanitaria de Burela e que teñen intencións de mellorar a súa capacidade asistencial.
NOTA DE PRENSA
PILAR FARJAS RATIFICOU A PERMANENCIA DA ÁREA SANITARIA DE BURELA E A MELLORA DA SÚA CAPACIDADE ASISTENCIAL
* Nunha xuntanza que mantivo hoxe pola mañá con representantes da asociación de veciños O Vencello
Santiago, 6 de outubro de 2009.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, recibiu hoxe, no seu despacho do Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde, en San Lázaro, aos representantes da asociación de veciños de Burela O Vencello, encabezados pola súa presidenta, Teresa Pardo. Neste encontro, a titular da carteira sanitaria do executivo galego ratificoulles aos membros da antedita asociación a permanencia desta área sanitaria, e, ademais, manifestoulles a intención da Administración sanitaria galega de facer un esforzo adicional na zona co propósito de mellorar a súa capacidade asistencial.
Como exemplo do anteriormente sinalado, Pilar Farjas remarcou na xuntanza que, na actualidade, no Hospital da Costa, xa se están a preparar dúas obras para potenciar este centro da rede do Sergas, cun investimento que supera o millón de euros. A primeira das obras abrangue a área de hospitalización de obstetricia e a remodelación de paritorios, e a segunda refírese ao cambio que cómpre facer na cuberta de fibrocemento e na rampla de acceso. Da primeira das actuacións xa está elaborado o proxecto arquitectónico e adxudicada a obra, e, no segundo caso, estase a elaborar o proxecto.
Tamén no encontro de hoxe, a conselleira de Sanidade deulles conta aos veciños de Burela da intención do seu departamento de por en marcha, no Hospital da Costa, consultas de alta resolución de Cardioloxía como actividade extraordinaria, co obxectivo de garantir aos pacientes desa zona unha asistencia eficaz en tempo e forma, dada a importante bolsa de pacientes non rexistrada neste servizo, coa que se atopou este novo equipo directivo.
En definitiva, Pilar Farjas reiteroulles aos representantes da asociación O Vencello a súa intención non só de permanencia da área sanitaria de Burela, senón, tamén, o seu compromiso de reforzar o papel do hospital da Costa, coa fin de mellorar a súa capacidade de xestión e a súa carteira de servizos.