VIVEIRO .- As delegadas e delegados da CIG na Concellaría do Medio Rural levaban tempo reclamando o acondicionamento das bases das brigadas do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Xa nos vimos obrigados en máis dunha ocasión, ante a falta de atención ás nosas condicións de traballo por parte dos dirixentes políticos da Consellaría, a presentar denuncias ante a inspección de traballo. E isto é o que tivemos que facer novamente coa base de Viveiro.
Agora recibimos o informe elaborado pola Inspección de Traballo sobre as condicións da base de Viveiro e a “Proposta de requerimento” elaborada a raíz da visita realizada á base pola inspectora de traballo o 29 de xuño de 2009.
Esta proposta de requirimento por incumprimento en materia de prevención de riscos laborais (da que enviamos copia escaneada) inclúe na descrición das condicións en que se encontra a base observacións como as seguintes:
“… observáronse determinadas deficiencias en materia de saúde laboral que poden considerarse inadmisíbeis na actualidade, máxime cando se trata dun centro de traballo da Administración Pública, tales como: ausencia de aseos e vestiarios, ausencia de cristais nas xanelas laterais, entrada de maleza desde o exterior a través dunha xanela situada no teito do garaxe, escasa iluminación natural e artificial, … só había unha cadeira para todo o persoal, … unha billa que verque a auga nun balde a través dun trozo de mangueira, … esmeriladora sen protección, … un único extintor contra incendios ou inexistencia de material de primeiros auxilios, equipos de protección individual e roupa de traballo pendurados dunha corda, … ausencia de armarios, … presenza constante no centro de roedores.
Dadas as escasas condicións de salubridade… solicitouse da empresa, durante a visita, a aportación da Avaliación de Riscos e Planificación Preventiva….
O día 2 de xullo, na súa comparecencia ane esta Inspectora… manifesta que non existe Avaliación de Riscos e Planificación Preventiva do centro de traballo.”
Finalmente a inspectora de Traballo require á Consellaría do Medio Rural a que no prazo de dous meses subsane todas estas deficiencias que incumplen a lei e atentan contra as condicións de seguridade e saúde dos traballadores.
Desde a CIG non temos moito que engadir a unha “proposta de requerimento” da contundencia desta. O que temos que insistir é na absoluta falta de consideración dos dirixentes políticos da Consellaría do Medio Rural cos seus traballadores e o absoluto desprecio polas leis que demostran estes dirixentes, ratificado pola necesidade que temos constantemente de acudir á Inspección de Traballo e aos Tribunais do Social para conseguir o que por lei é noso: unhas mínimas condicións de salubridade nos nosos postos de traballo e un respeto polos acordos acadados no Convenio Colectivo.
A CIG continúa na defensa das condicións laborais dos compañeiros do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais por todos os medios ao noso alcance.