RIBADEO (FNC).- Teatro, música, exposicións ou a celebración por primeira vez do Samaín son algunhas das propostas da axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano.
A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, suliña que “a programación séguese a basear na arte teatral e ao longo deste trimestre compañías como Teatro do Noroeste ou Teatro de Ningures van estar en Ribadeo no auditorio municipal ás 20:30 da tarde os domingos. Destacar que haberá neste ámbito unha actuación especial que vai ser un musical denominado Glass City. Xa trouxéramos un e éste segue na liña de Café Imperial e será desa categoría. A data na que se poderá ver será o 8 de novembro e merece a pena. É unha mezcla de teatro e de música, e convido a todos a que acudan a esta cita”.
A edil nacionalista sinala que “seguimos a prestarlle unha especial atención ao público infantil e ao público familiar. Van disfrutar de diferentes actuacións tanto nos centros de ensino como nas tardes dos sábados e dos domingos. Xa comenzamos este sábado 17 de outubro, ás cinco e media da tarde na biblioteca municipal Viejo Pancho, onde se vai presentar unha proposta de Manolo Panforreteiro. Van ser unhas sesións arredor da música e dos contos que animarán o espazo da nosa biblioteca pública. Chámase Contando sete ventos , é para todos os públicos e terá continuidade no nadal”.
Álvarez Lastra engade que “imos celebrar por primeira vez o Samaín, o 1 de novembro. Haberá un taller para que os nenos e as nenas decoren as cabazas. Queremos recuperar un pouco esta tradición. Nós pretendemos darlle un ton festivo, no que, sobre todo os pícaros, participen coas súas cabazas encendidas e saiban dunha tradición que até hai pouco se mantiña entre nós”.
Exposicións
A responsable de Cultura manifesta que “as exposicións tamén estarán presentes na nosa axenda cultural. Temos unha mostra de banda deseñada nesta segunda quincena de outubro. Está organizada pola Consellaría de Cultura e recolle traballos que estiveron no Salón do Cómic de Barcelona. Toda a nosa axenda cultural se completa coas actividades dos nosos grupos e agrupacións musicais como poden ser a Banda Municipal de Música de Ribadeo, a Escola Municipal de Música e Danza e a Coral Polifónica que ofrecen os seus habituais concertos de Santa Cilla, de Aninovo e de organización de eventos como o Festival de Panxoliñas”.
Mariluz Álvarez Lastra agarda que “esta programación sexa do agrado dos veciños e veciñas de Ribadeo. Todas as citas estarán reflexadas na axenda cultural que está a piques de sair e poderán atopala na oficina de turismo ou na oficina de cultura. Tamén poder chamar por teléfono ao 982 128 650 para ter cumprida información das actividades culturais que se desenvolverán desde este mes de outubro e ata xaneiro de 2010”.