BARREIROS . O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, inaugurou este venres, xunto a outras autoridades locais, a exposición itinerante “Inquedanzas” do fotógrafo lucense Hixinio Flores. A mostra, composta por unha pequena porcentaxe das obras presentadas polo Museo Provincial de Lugo no Pazo de San Marcos no mes de agosto, poderase visitar ata o vindeiro venres 5 de novembro na sala de exposicións do Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros. O patrimonio etnolóxico galego, a paisaxe e as consecuencias da intervención do ser humano na mesma definen en boa medida a produción deste artista, nado en Castro de Rei, que pretende dialogar co seu público empregando como canle de comunicación esta selección de instantáneas.
Na súa intervención, Antonio Veiga recalcou que esta exposición “é o resultado dun exhaustivo traballo de campo desenvolto durante moitos anos e que a día de hoxe se converteu nunha referencia indiscutible no eido da fotografía etnográfica e antropolóxica de Galiza”. Alén disto, o nacionalista agradeceulle ao fotógrafo lucense “a posibilidade que nós ofrece ao rescatar e dar coñecer, a través das súas imaxes, unha parte esencial do noso patrimonio natural e cultural”.
A Área de Cultura da Deputación de Lugo, en colaboración co Museo Provincial, pretende achegarlles esta e outras exposición a todos os lucenses traballando de forma conxunta cos concellos. O obxectivo desta iniciativa cultural é acadar, co paso do tempo, unha mellor e maior difusión obras de gran valor e relevancia cultural e social achegándoas fisicamente ao maior número de vilas posible. Deste xeito, unha parte da produción artística de Hixinio Flores viaxará, ao igual ca exposición de gravados “Incisións”, por toda a xeografía lucense antes de volver ao seu lugar de orixe, o Museo de Lugo.