Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Mar de San Cibrao cede ao Museo do Mar unha maqueta do “Paca Gómez”

CERVO .- Coincidindo coa celebración do 40 aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao, a asociación Mar de San Cibrao cedeu unha reprodución a escala do veleiro sancibrense de principios de século “Paca Gómez” co obxecto de que sexa exposto nas dependencias desta institución provincial.

A maqueta, de 1m. de eslora, e propiedade desta asociación, foi construída e doada polo mestre maquetista Baldomero Bellón e o seu valor económico ronda os 12.000 euros.

Baldomero Bellón, e natural de Ribadeo, na actualidade vive en Madrid, onde se adica a realizar maquetas de barcos, sendo na actualidade un dos mellores maquetistas deste país. O Museo Provincial do Mar, xa conta no seu haber con varias maquetas de Baldomero, en total con esta nova entrega xa son 5 as maquetas que Baldomero ten expostas nas salas do Museo.

Esta cesión ao Museo Provincial do Mar enmarcase na programación de actividades levadas a cabo polo colectivo Mar de San Ciprián co obxecto de preservar a cultura mariñeira da vila e da comarca. Entre as iniciativas levadas a cabo recentemente por esta asociación cabe salientar a organización dunha exposición sobre a pesca do bonito no cantábrico galego; así coma charlas e coloquios vinculados co mundo do mar.

A Asociación Mar de San Ciprián, quere agradecer públicamente o compromiso que Baldomero Bellón ven demostrando co Museo do Mar.

O “Paca Gómez” orixinal foi un barco moi significativo dentro da historia mariñeira da vila de San Ciprián. Foi construído no ano 1905 nos estaleiros dirixidos polo mestre carpinteiro José Daniel Paleo (máis coñecido por *José de Carmen)* baixo autorización do Comandante de Mariña da provincia concedida en data de 3 de xullo de 1903. Este buque posuía un arqueo de 86,81 toneladas de rexistro bruto 86,81 toneladas de rexistro neto. Tiña 21,52 metros de eslora, 6,42 metros de manga e 2,56 metros de puntal.

O buque foi finalizado e botado na primavera de 1905, sendo asentado no Rexistro do Distrito Marítimo de Viveiro con data do 1 de maio de 1905, con folio nº 110 da 2ª lista de embarcacións. Foi valorado en 29.000 pesetas. O barco finou a súa navegación na Abra de Bilbao, onde na mañá do 31 de xaneiro de 1962 sufriu unha abordaxe co buque “Puerto de Cullera”, a consecuencia do cal o “PACA GÓMEZ” afunde, séndolle outorgada a baixa definitiva o 10 de xullo de 1969.

O “Paca Gómez” pertenceu inicialmente a Estanislao Fernández de la Ballina, veciño de Cedeira, e a Demetrio Gómez Paleo, de San Ciprián. Tras o falecemento do segundo, antes do asento do buque, a metade da súa propiedade pasou a Carmen Correa Álvarez, viúva de Gómez, como albacea do testamento do seu marido. O buque foi vendido, tras o falecemento dos seus propietarios orixinais e a correspondente herdanza dos seus descendentes, en febreiro de 1953 a Antonio Léniz Bengoechea, de Lekeitio (Biscaia), sendo escriturado na cantidade de 93.000 pesetas.

Este veleiro foi arborado inicialmente como bergantín–goleta, sendo trocado o seu aparello ao de goleta en 1932, para máis tarde, e buscando máis sinxeleza na súa manobra, ao de goleta abalandrada ou balandro, modificación esta realizada nos primeiros anos da década dos 40. Por último, o buque foi reparado e remodelado en 1952 para incorporar unha máquina de vapor de tripla expansión de 68 CV, fabricada por Agapito B. Aranguren en Bermeo (Biscaia). Asemade, tamén se lle levantou o castelo de proa, se ampliou a escotilla da bodega, se lle fixo unha base á ponte de mando e reformóuselle e mellorouse a habilitación dos tripulantes. As reformas tamén ampliaron o arqueo, sendo os volumes finais de 110,78 TRB (67,84 TRN), 24 máis que na súa construcción.

O “Paca Gómez” foi patroneado primeiramente por Ramón González, *O Primo*, correspondendo o período do seu mando aos anos comprendidos entre 1905 e 1934. Posteriormente, o barco tivo como patróns a Demetrio Rouco, Antonio Mosquera, Manuel Ponte e Antonio Pillado (*Antón da Xurela)*, quen o mandou na década dos 40 do pasado século. No mesmo senso, o patrón sancibrense Leopoldo Mosquera Rey, estivo á fronte do buque a práctica totalidade do segundo lustro da década dos 50. O barco tamén foi mandado por Ramón Ron López, Manuel Álvarez López, Ramón Chao López e Lisardo Fernández García, segundo consta nos oficios de entrega de Patente de Navegación do buque en datas de decembro de 1954, abril de 1957, setembro de 1961 e decembro do mesmo ano.

Exit mobile version