FOZ .- A asociación de veciños O Castro de Foz informa de que defende o mantemento da área sanitaria de A Mariña e rexeita “á creación dunha área única sanitaria dependente de Lugo”. A entidade veciñal tamén asegura que apoia a”plataforma de defensa da actual área sanitaria que se prevé constituír. ”
Nota de Prensa
A Asociación de Veciños O Castro de Foz defende o mantemento da área sanitaria de A Mariña
Desde a Asociación de Veciños O Castro de Foz mostramos o noso total rexeitamento á creación dunha área única sanitaria dependente de Lugo, a cal levaría consigo a desaparición da área sanitaria Cervo-Burela, que comprende os concellos de A Mariña.
Unha vez máis, os dereitos sanitarios dos mariñáns vense ameazados polos poderes públicos, os cales, con independencia da súa cor política, trata de machacar esta comarca sen pararse a pensar nas súas necesidades e circunstancias concretas. Entendemos que o feito de que tanto o Hospital da Costa coma os demais centros sanitarios dependan administrativamente dunha xerencia única en Lugo podería levar non só a que non se aumenten as prestacións sanitarias na nosa comarca se non tamén a unha reducción paulatina das xa existentes. A nosa comarca ten unhas características especiais que non admiten a centralización dos servicios na capital da provincia, o cal se debe ter moi en conta por parte dos gobernos.
A tal fin, confirmamos publicamente a nosa asistencia á xuntanza que a Comisión de Centro da Área Norte de Saúde convoca para o vindeiro martes 7 de outubro, manifestando xa o apoio total da Asociación de Veciños O Castro de Foz á plataforma de defensa da actual área sanitaria que se prevé constituír.