Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz reclama a creación dun punto de encontro para familiares divorciados

FOZ .- A Asociación de veciños “O Castro” de Foz solicita ás autoridades a necesidade de artellar algún sistema para que as familias en procesos de separación ou con divorcios xa consolidados podan seguir mantendo relacións, sobre todo cos fillos, evitando situacións de tensións que repercuten negativamente na saúde de nenos e maiores.

NOTA DE PRENSA.
Tralo triste acontecemento ocorrido en Foz o pasado venres, cando un home se encaramou a un dos postes de luz do porto a fin de reclamar o seu dereito a ver ó seu fillo de corta idade, faise patente unha vez máis o desabastecemento da nosa comarca en canto a servicios sociais, neste caso a existencia dun punto de encontro que tutele de forma efectiva os dereitos dos proxenitores e dos fillos menores inmersos en procedementos de separación e divorcio. Evidentemente, sen entrar no caso concreto antes mencionado pois descoñécese se a orde de afastamento existente con respecto da muller se extendía ou non ó seu fillo, todos coñecemos casos nos que un proxenitor se ve inxustamente privado do seu dereito lexítimo a gozar da compaña dos seus fillos menores por unha decisión arbitraria do outro proxenitor, o cal se complica coa existencia de episodios de malos tratos e imposición de ordes de afastamento, pois neste caso o dereito de pais e fillos a estar en compaña baleirase de contido, o cal se podería resolver de modo sinxelo se na nosa comarca existise un punto de encontro no que se fixesen as labores de mediación necesaria entre os proxenitores para que tanto estes coma os seus fillos podan gozar da súa compañía mutua.

Desde a Asociación de Veciños “O Castro” de Foz, dado o noso carácter social e de reivindicación dos dereitos dos cidadáns, poñemos de manifesto por este medio que a nosa comarca de A Mariña precisa urxentemente dun punto de encontro, de modo que situacións coma a do pasado venres non se repitan e que todos os proxenitores e os fillos menores podan gozar plenamente dos seus dereitos de compaña e visita cando se vexan inmersos nun procedemento de separación ou divorcio.

Exit mobile version