Site icon Crónica3.com A Mariña

Validáronse facturas con desconformidade na Deputación que non son da “etapa anterior”, asegura o PP

Nota de Prensa

Informes internos da Deputación recoñecen a inexistencia de contratos de subministros

•    O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, afirma que a Xunta de Goberno voltou a validar hoxe facturas por importe de máis de 300.000 euros con disconformidade no gasto

•    Os populares pídenlle a Besteiro que non minta máis, que reduza o autobombo e que se poña a traballar

Lugo, a 3 de setembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular asegurou que a Deputación de Lugo practica o “engano e a mentira ós cidadáns porque o que din nos medios de comunicación non se corresponde cos informes internos” que manexan, ó tempo que acusan ós seus responsables de ocultar información “descaradamente e para tentar tapar a súa vagancia e o despilfarro”.

O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, afirmou que a Xunta de Goberno, na súa sesión de hoxe, validou facturas con disconformidade do gasto, correspondentes todas elas ó presente exercicio de 2009 e que, segundo aclara, “nada teñen que ver con actuacións da etapa anterior”, por importe de 307.652’13€ (algo máis de 51 millóns de pesetas).

Pero para González Barcia “o máis destacado” non é xa a “nada desdeñable” cuantía senón “o contido dos informes” que acompañan a varias destas facturas, e que demostran, segundo asegura, que “Gómez Besteiro está mentindo e non é de fiar porque está a xogar alegremente cos cartos de todos os cidadáns da provincia”.

Así, un primeiro bloque, conformado por dúas facturas e que suma 60.839’14€, correspóndese coa limpeza do San Rafael durante os meses de xuño e xullo do presente ano. Un informe do pasado 3 de xullo e que se incorpora ó expediente recoñece que non hai contrato, e que “…descoñécense as causas polas que non se iniciou o procedemento… a tal efecto”.

Un segundo bloque de facturas fan referencia á limpeza do Museo Provincial e a determinados espacios do Hospital de Santa María, e ascenden a 23.744’75€.  As facturas referidas ó Museo, que son dúas e corresponden a xuño e xullo do presente ano, teñen sendos informes, un de 07/07/09 e outro de 06/08/09, nos que se indica o mesmo sobre a inexistencia de contrato: “…este servicio tén presentados os informes correspondentes de contrato maior…”  para o inicio do procedemento.

As facturas referidas á limpeza no Hospital de Santa María, tres en total, adxuntan dous informes de 02/07/09 e de 01/08/09 respectivamente, nos que se fai constar expresamente que “rematou o contrato e non hai contrato novo asinado”.

O bloque destinado á subministración de diversos productos e servicios ó Hospital San Rafael suma algo máis de 40.000’00€.  Hai dous informes, un de 03/07/09 e outro de 08/08/09, que din literalmente: “… da presente factura non existe contrato, e descoñécense as causas polas que non iniciou o procedemento… unha vez que xa fora remitida o 17/11/08 a proposta para a adxudicación do contrato deste tipo de subministros. Atópase esgotada a partida económica destinada a cubrir esta subministración”.

Un último bloque fórmano dúas facturas referidas, “esta vez si”, á conservación e mantemento da rede viaria provincial. En total, preto de  188.000’00€. Unha delas relativa á zona de Navia de Suarna, e a outra á zona de Ribadeo. Pero hai dous informes nos que consta expresamente que “…o contrato anterior con esta empresa extínguese o 28 /01/09 e non se asina novo contrato hasta o 04/05/09”.

Todos os informes citados están asinados por persoal da Deputación, xefes de servicio ou similares, e demostran, segundo Barcia, varias cousas:

–    Ningunha das facturas que pasa pola Xunta de Goberno con disconformidade do gasto corresponden á etapa anterior, “polo que Gómez Besteiro minte cando di o contrario”.

–    Non houbo ningunha previsión de renovación de contratos ou de convocatoria doutros novos, tal e como se desprende dos propios informe que están no expediente.

–    Son os propios funcionarios os que están alertando da situación, e o bigoberno, encabezado por Besteiro e Bao, non fai nada. “Están instalados na vagancia e na desidia, e no caso particular de Gómez Besteiro, na autocomplacencia”, asegura o voceiro adxunto do GPPP.

–    Existe pouco ou ningún control político sobre o gasto e sobre o rigor que debe presidir a xestión dunha institución como a Deputación.

Exit mobile version