Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimas prazas para inscribirse no curso de fotografía dixital “Olladas de mulleres, visións desde A Mariña”

A MARIÑA .- O vindeiro mércores día 30 conclúe o prazo de inscrición na actividade “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, contando coa colaboración dos concellos de Barreiros, Burela, Mondoñedo e Riotorto. Co obxectivo de contribuír ao empoderamento das mulleres a través da fotografía, a actividade desenvolverase a partir do mes de outubro nestes diferentes localidades, polo que na inscrición terán preferencia as mulleres censadas nestes concellos así como as socias do Observatorio, estas últimas independentemente de onde residan.

O procedemento para anotarse, sempre antes do día 30 de setembro, difire segundo o concello no que se desexe realizar a actividade. Así, en Burela e Mondoñedo as inscricións realizaranse no Centro de Información ás Mulleres, cuxos teléfonos de contacto son respectivamente 982580609 (Burela) e 982521369 (Mondoñedo). En Barreiros as inscricións deben realizarse no Centro Municipal de Información Xuvenil (982124106), e en Riotorto chamando aos teléfonos 629028702 ou 663617406. O custe da actividade é de 10 euros para aquelas mulleres que non sexan socias do Observatorio, e no momento da inscrición as participantes deben indicar se posúen cámara fotográfica dixital propia, xa que o Observatorio conta cun número moi limitados de cámaras para emprestar. O número de prazas está limitado a 15 mulleres en cada localidade.

A actividade “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA” consta de tres partes. A primeira consiste nun obradoiro de fotografía dixital, impartido polas fotógrafas mariñás Marián García Mesa e Lucía Valea. Neste obradoiro abordarase a historia da fotografía desde unha perspectiva de xénero repasando as contribucións de fotógrafas internacionais e galegas, cuestións técnicas da fotografía dixital e diferenzas coa analóxica, formación de imaxe, toma fotográfica, diferentes motivos fotográficos, presentación de imaxe para publicación, o retoque de imaxes antigas, o proceso práctica de descarga e almacenamento de imaxes en ordenador, o tratamento de imaxes con programas de ordenador, etc. Nas diferentes localidades, os cursos desenvolveranse nas seguintes datas:

► BURELA: os venres a partir do 2 de outubro, en horario de 16 a 19 horas (durante 6 venres)

► MONDOÑEDO: os sábados a partir do 3 de outubro, en horario de 10 a 13 horas (durante 6 sábados)

► RIOTORTO: os sábados a partir do 3 de outubro, en horario de 16 a 18 horas (durante 9 sábados)

► BARREIROS: os luns a partir do 19 de outubro, en horario de 17 a 19 horas (durante 9 luns)

[No caso de Barreiros, o prazo de inscrición manterase aberto até o día 15 de outubro]

A segunda parte de OLLADAS DE MULLERES consiste nun período de exercicio individual no que as mulleres porán en práctica os coñecementos adquiridos fotografando a súa realidade cotiá, fomentando deste xeito a realización de actividades participativas para as mulleres que valorizan o seu papel na sociedade. Logo deste período poranse en común todas as fotografías realizadas por todas as participantes, quen decidirán de forma participativa cales son as mellores fotografías de cada unha. Con estas fotografías seleccionadas darase paso á terceira parte da actividade, consistente na realización dunha exposición fotográfica en cada concello. Posteriormente, o colofón da actividade será unha exposición final conxunta, de forma que así se poidan apreciar as realidades cotiás tan distintas que arrodean as experiencias vitais das mariñás de concellos costeiros como Barreiros ou Burela, e de concellos do interior como Riotorto ou Mondoñedo.

Para calquera dúbida ou aclaración, o Observatorio da Mariña pola Igualdade pon a disposición das interesadas o teléfono 663617406 e o correo electrónico observatorioigualdade@gmail.com

A actividade “OLLADAS DE MULLERES. VISIÓNS DESDE A MARIÑA” xorde como continuación dunha primeira iniciativa semellante impulsada tamén polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración cos concellos de Ribadeo, Vilar de Santos e a Illa de Arousa no ano 2007. Co título de “Olladas de Muller, lapis de homes”, concluíra cunha exposición no Museo Verbum de Vigo. Posteriormente, a exposición viaxara até o Forte de San Damián ribadense do 2 ao 14 de xullo de 2008, onde se puideron ver as imaxes das 36 mulleres participantes impresas sobre sabas penduradas dun tendal con pinzas de roupa, acompañadas de comentarios realizados por lapis de homes. (Poden ver máis información en http://www.vieiros.com/nova/65287/olladas-de-muller-e-lapis-de-home).

Dada a boa acollida da actividade, como asociación de ámbito comarcal, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos contribuír a consolidar un proxecto participativo coma este no que as mulleres son as protagonistas e quen toman as decisións.

Exit mobile version