NOTA DE PRENSA
A concelleira socialista xunto co resto dos seus compañeiros de Grupo, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, aprobou unha modificación de crédito a través da que se autorizaba o pago dunha relación de facturas entre as que estaban varias da empresa Saiju instalaciones, da que o seu marido e ela mesma son accionistas
ROSA ALONSO APROBOU FACTURAS EN BENEFICIO DA SÚA EMPRESA FAMILIAR EN MARZO DO 2009 PESE A TER A OBRIGA LEGAL DE ABSTERSE
• O artigo 28 da Lei 30/1992 que regulamenta o réxime xurídico das administracións establece taxativamente que as autoridades e cargos públicos se absterán de intervir naqueles procedementos nos que teñan interese persoal ou exista algún tipo de parentesco.
• Os populares queren coñecer se hai máis casos como este nos que Rosa Alonso incorreu nun evidente conflicto de intereses entre o público e o privado.
A Mariña, 12 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Foz puido constatar que Rosa Alonso aprobou facturas en beneficio da súa empresa familiar en marzo do presente ano, pese a ter a obriga legal de absterse. Os populares teñen constancia de que no Pleno da Corporación Municipal celebrado o pasado mes de marzo a concelleira socialista xunto co resto dos edís da súa formación política, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, aprobaron unha modificación de crédito a través da que se autorizaba unha relación de facturas entre as que estaban varias en favor da súa empresa familiar, Saiju instalaciones, da que tanto ela como o seu marido son accionistas, segundo veu a recoñecer nos días pasados o Alcalde de Foz.
ABSTENCIÓN POR IMPERATIVO LEGAL
A Lei 30/1992 de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común é moi taxativa cando no seu artigo 28 establece que as autoridades e cargos públicos, entre os que se atopan os concelleiros, teñen a obriga de absterse á hora de intervir naqueles procedementos nos que teñan algún tipo de interese persoal ou exista algún tipo de parentesco. O apartado 5 deste mesmo artigo, establece tamén que “ a non abstención nos casos nos que proceda dará lugar a responsabilidade”.
Rosa Alonso como membro da Corporación Municipal, en aplicación deste imperativo legal, debeu comunicar a súa incompatibilidade ao seu superior xerárquico, neste caso o Alcalde de Foz, e absterse de toda intervención neste punto da orde do día do Pleno tendo en conta que, neste caso, se trataba de autorizar o pagamento dunha importante cantidade de diñeiro á súa empresa familiar.
NO PSOE CONFUNDEN O PÚBLICO E O PRIVADO
Os populares insisten en que estamos ante unha sucesión de irregularidades motivadas polo evidente conflicto de intereses entre o público e o privado, no que incorre o Goberno municipal e, máis en concreto esta concelleira. É por iso que xa adiantan, requirirán toda a información pertinente para coñecer en cantas outras ocasións Rosa Alonso puidera ter cometido este tipo de irregularidades. Esta acreditado que, o Concello de Foz, con autorización do seu Equipo de Goberno, abonou con cartos procedentes das arcas municipais, importantes cantidades de diñeiro en beneficio desta empresa familiar. Parece evidente que, ante a contundencia das cautelas legais para evitar este tipo de feitos, os socialistas están a confundir a xestión dos asuntos públicos cos intereses profesionais e persoais dalgún dos seus concelleiros.