RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo vén de recibir o certificado de revalidación do sistema de xestión ambiental EMAS, que amosa o máximo compromiso que unha institución pode ter co medio ambiente e a correcta xestión administrativa da Delegación de Medio Ambiente en temas como a xestión do punto limpo, os servizos de recollida de residuos sólidos urbanos ou a limpeza viaria.
O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro explicou que “o Concello de Ribadeo acaba de recibir o certificado de revalidación do sistema comunitario de xestión e auditoría medio ambientais EMAS. Esta certificación da Unión Europea é asignada polo Lloyd’s que despois de varios días de auditoría externa chegou á conclusión de que a xestión administrativa do Concello respecto ao medio ambiente, así como, o servizo de parques e xardíns, a xestión do punto limpo, a recollida de residuos sólidos urbáns, a limpeza viaria e as actividades culturais medio ambientais, foron xestionadas de forma correcta”.
Horacio Cupeiro lembrou que “estas auditorías foron as que descubriron, por exemplo, que o tanque de gasóleo que tiñamos ubicado entre o Concello e a Aduana levaba 20 anos sen pasar ningún tipo de revisión e loxicamente a partir daquela tivemos que tomar medidas ao respecto e que algúns despois preguntan por que se gastou medio millón de pesetas en facer esa revisión. A idea é seguir ampliando o alcance do sistema a tódolos edificios do Concello, xa que deste xeito aparecerán as anomalías no caso de habelas. Anteriormente só se levaba esta xestión ambiental no que era o despacho da Delegación, sen embargo, agora o que fixemos foi ampliar o alcance tanto ao auditorio, como ao punto limpo, como á Casa da Ría e a todo o Concello, ou sexa, que o alcance o estamos ampliando ata que acabemos metendo a tódolos locais e a todo aquelo que teña que ver co medio ambiente do Concello de Ribadeo”.
O edil nacionalista sinalou que “o custo do sistema de xestión foi subvencionado na súa maior parte pola Consellería de Medio Ambiente e no futuro, para que non teña custo para o Concello, farase a través do núcleo de sostibilidade. Este regulamento 761-2001EMAS, é algo superior ao sistema de xestión ISO-14.001 e amosa o máximo compromiso que pode ter calquera organización ou institución, neste caso o Concello, co medio ambiente”.
Horacio Cupeiro engadiu que “un dos principais valores é a declaración ambiental que é o documento mediante o cal a organización fai público o seu comportamento con todo o relativo ao medio ambiente. Por iso, estou orgulloso de poder actuar dende o punto de vista medioambiental e isto é o que nos amosa que algúns non teñen razón cando precisamente están a criticar determinadas carencias que efectivamente en tódolos sitios poden ocorrer”.