Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo loitará para que SOGAMA siga recollendo os voluminosos ata 1014

RIBADEO (FNC) .- O delegado de Medio Ambiente de Ribadeo púxose en contacto co xurista da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), para falar dos voluminosos que xa non recolle Sogama desde hai uns días. Horacio Cupeiro sinala que “me comentou que como xa hai tempo, hai mes e medio, que levamos loitando para que Sogama nos siga recollendo estes residuos e xa que o ano pasado se chegou a un acordo debido á autorización ambiental integrada de non recoller máis a partires do primeiro de setembro estes voluminosos, entón o xurista da FEGAMP dime que nós debemos loitar para que se cumpra o compromiso do acordo marco que está firmado dende o ano 1999 entre o Concello de Ribadeo, e case todos os Concellos de Galicia con Sogama. Insistiume en que nós debemos loitar porque esa cláusula se cumpra, xa que esta di que dentro dese acordo marco Sogama se compromete a recoller todos os residuos, e entre eles están os voluminosos”.

O edil nacionalista segue a contar que “despois de falar co xurista da FEGAMP púxenme en contacto co mesmo presidente de Sogama e díxome que contactaron cun gabinete de avogados de Garrigues Walker e que lles din que teñen a razón e que non deben recoller os voluminosos, pero que en todo caso nós debemos defender os nosos intereses. Desde logo que desde o Concello de Ribadeo é o que imos facer, se realmente, como di a cláusula teñen que recollelos, e non soamente recollelos senón tamén adaptándose a un prezo que a nós e aos nosos veciños non nos repercuta excesivamente, pois nós imos estar alí onde sexa necesario para defender os dereitos dos veciños de Ribadeo”. Horacio Cupeiro lembra que “o contrato foi firmado no ano 1999 e que ten 15 anos de duración polo tanto aínda non preescribiu e debemos seguir defendendo que se cumpra ata esa data”.

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo engade que “xa que está saíndo na prensa, que os voluminosos ata o de agora, tanto uns gobernos como outros, resulta que os recollían e os enterreban en calquera val por aí. Posto en contacto con xente entendida o que se pretende facer, desde o punto de vista medio ambiental, desde o meu punto de vista, loxicamente tampouco vai resolver nada porque polo visto o aceiro que se saca por exemplo dos colchóns non se pode tratar porque vai contaminado con determinadas substancias e ten problemas de saída no mercado e o resto da parte do colchón o que se pretende facer é comprimilo pero nunca valorizalo, entón sempre seguirá xa sexa espuma, xa sexa a lá, xa sexa o que sexa, irá comprimido e enterrarase igual polo menos é o que me están comentando a min. Dende o punto de vista medio ambiental non chegamos a ningún lado por máis que esta autorización ambiental integrada intente xustificar que se vai facer outra cousa con eso”.

Exit mobile version