COMPOSTELA .- A Xunta de Galiza anunciou recentemente, sen mediar ningún tipo de diálogo, o “intercambio de cromos” de 4 piscifactorías propostas en Merexo, Seiruga, Xandriña (Camelle) e Laxe Brava (Corrubedo) en contraprestación pola construcción da piscifactoría de Touriñán, en plena Rede Natura e invadindo “Hábitats de conservación prioritaria” protexidos pola Directiva 92/43/CE da Unión Europea.
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) alégrase profundamente que o goberno galego recoñeza a tremenda afección ambiental e que atentou contra os lexítimos intereses dos veciños afectados polos proxectos acuícolas.
ADEGA pregunta sinceiramente ao Sr Presidente da Xunta de Galiza Alberto Núñez Feijoo:
Qué diferencia existe na afección a veciños e ao medio natural entre Merexo, Seiruga, Corrubedo e Camelle con outras piscifactorías de características similares como Arou, Xove, Quilmas ou Mougás (Oia)?
Qué criterios ambientais se empregan para propor Touriñán como ubicación compatible coa construcción dunha planta de acuicultura industrial?
ADEGA quere expresar o seu profundo malestar pola forma e o modo despótico de gobernar do Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijoo e da Conselleira do Mar Rosa Quintana e anuncia que se atoparán con novas protestas de veciños e ecoloxistas nas ubicacións que destrúen os hábitats naturais protexidos perxudican aos veciños.
Para ADEGA esta decisión supón un trato discriminatorio que non soluciona os problemas xerais do Plan Acuícola e unicamente constitúe un remendo elaborado en base aos intereses partidistas do Goberno pensando que así evitará as protestas e non realmente a razóns ambientais ou sociais.
Os espazos protexidos non son cromos que se podan intercambiar porque teñen valores naturais concretos, merecedores desa protección, e que hai que preservar na súa integridade.
No caso da piscifactoría de Rinlo (Ribadeo) foi paralizada unha piscifactoría en construcción por membros de ADEGA ao ocupar terreos na Rede Natura, e isto é algo que pode volver a ocurrir no futuro.
A destrucción dos hábitats, a contaminación das augas, a destrucción de postos de traballo no marisqueo, na pesca de baixura e no turismo, na agricultura, son efectos adversos constatados repetidas veces que perxudican ao medio natural e ao interese público provocados pola acuicultura industrial.
Por estes motivos ADEGA anuncia que interporá os recursos xudiciais necesarios para garantizar a participación cidadá en proxectos de relevancia ambiental como así consta na Lei 27/2006 de información ambiental do estado español que emana da transposición das Directivas Europeas 2003/4/CE e 2003/35/CE, de obrigado cumprimento para todos e cada un dos estados membros.
Temos que recordar que o plan acuícola de 2005 carece de Avaliación Ambiental como recoñece a sentenza xudicial 00062/2009 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A Xunta de Galiza pretende reformar o Plan de Acuicultura a golpe de decreto, e non froito dunha negociación e reflexión, seria e consciente.
Dende ADEGA tamén queremos dirixirnos moi sinceiramente ás empresas que promoven a acuicultura en Galiza e comunicarlles que a inseguridade ambiental só xenera inseguridade xurídica.
Isto significa que as empresas que queiran desenvolver a súa actividade con garantías de futuro deberán facelo dacordo coa lexislación vixente en materia ambiental o cal inclúe o respeto polos hábitats naturais e o dereito de participación pública e información sobre proxectos que afecten ao medio ambiente.
O goberno galego equivócase se pretende reformar de novo o plan acuícola sen escoitar á sociedade galega e ás entidades que defenden o medio natural galego.
O procedemento máis lóxico e máis xusto é abrir unha mesa de negociación con todos os sectores implicados para chegar a solucións de consenso que permitan o futuro do sector e o respecto ao medio natural.
As solucións que pretendan remozar parcialmente o plan acuícola sen abordar os problemas reais que xenera só atoparán inseguridade xurídica e contestación social.