Site icon Crónica3.com A Mariña

Os impostos e o investimento previsto nos orzamentos do Estado atrasarán a Mariña, asegura o PP

Nota de Prensa

As erradas políticas dos socialistas prexudican dun xeito evidente á nosa comarca segundo a valoración dos populares mariñáns
A SUBA DE IMPOSTOS E O MINÚSCULO INVESTIMENTO PREVISTO NOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO ATRASARÁN A RECUPERACIÓN ECONÓMICA DA MARIÑA

* O PP espera que esta vez os nacionalistas non se preguen aos intereses de Zapatero e neguen o seu apoio a uns orzamentos xerais que o BNG votou favorablemente nos pasados anos.

A Mariña, 30 de setembro de 2009.- A suba de impostos e o minúsculo investimento previsto nos Orzamentos Xerais do Estado, decisións ambas do Executivo socialista da Zapatero, non contribuirán á superación da actual crise e, pola contra atrasarán a recuperación económica da Mariña. Así o entenden desde o Partido Popular comarcal que subliña o gravemente prexudiciais que están a ser as políticas erradas do Goberno central así como o negativo da súa particular incidencia na nosa comarca.

Os populares lembraron que cada mariñán como media terá que destinar 600 euros máis da súa xa de por si mermada renda anual para facer fronte a suba de impostos decidida por Zapatero. O devandito cálculo inclúe o incremento do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) –que afecta a todos os veciños con independencia do nivel de ingresos- , a desaparición da deducción dos 400 euros no IRPF e o incremento dos impostos de gasolina, do alcohol e do tabaco, así como a nova imposición sobre os aforros, plans de pensións e depósitos bancarios.

A isto, xa de por si desfavorable, hai que engadir que “un ano máis o Goberno socialista esquece á Mariña”, limitando as súas achegas a proxectos contemplados no ano anterior e non executados. Así por exemplo as contas estatais elaboradas polo Executivo de Zapatero tan só achegan 10.000 euros para o corredor, “todo iso a pesar de que prometeron facer unha autovía cuxa posta marcha nun prazo razoable de tempo cada vez ten menos visos de credibilidade” explican os populares.

O PP adianta que xa están a traballar nas emendas a estes orzamentos estatais co obxecto de corrixir esta  situación. Tamén esperan que esta vez os nacionalistas non se preguen aos intereses de Zapatero e neguen o seu apoio a unhas contas que o BNG votou favorablemente nos pasados anos. “Unha e  outra vez os nacionalistas foron socios de Zapatero no seu esquecemento á Mariña. Esperemos que agora esto cambie. E poidamos facer a forza e a presión necesaria para corrixir uns orzamentos que van na dirección contraria ao que a nosa comarca precisa”.

Exit mobile version