NOTA DE PRENSA
O voceiro popular de Foz cuestionou o conflito de intereses que se produce despois de que o Goberno municipal estea a pagar con cartos públicos as facturas emitidas pola empresa da que é propietario o marido dunha edil socialista
A DIRECCIÓN DO PP DE LUGO SAE EN APOIO DE ANGEL CAO E SUBLIÑA QUE O GOBERNO MUNICIPAL DE FOZ PODERÍA ESTAR INCUMPRINDO A LEI DE CONTRATACIÓN PÚBLICA
* O artigo 49.1.f da Lei de Contratos do Sector Público estende a prohibición de contratar coa administración aos cónxuxes dos concelleiros ou outros cargos electos.
* Os populares creen positivo que a Fiscalía poida investigar a legalidade destes feitos e pedirán á Secretaría municipal que elabore un informe ao respecto.
Lugo, 8 de setembro de 2009.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, saíu en apoio do portavoz local desta formación política en Foz, Angel Cao, quen nas pasadas datas cuestionou as contratacións e pagos efectuados polo Goberno municipal ao marido dunha concelleira socialista. Desde a dirección provincial lembran que a Lei de Contratos do Sector Público prohibe esta práctica e, polo tanto, consideran positivo que a Fiscalía teña a oportunidade de investigar a legalidade destes feitos.
Máis en concreto os populares lembran que o artigo 49.1.f da Lei 30/2007, de 30 de outubro, estende a prohibición de “contratar co sector público” aos cónxuxes dos concelleiros e outros cargos electos membros do Goberno municipal. “Neste caso resulta probado que se pagaron facturas en favor da empresa propiedade do marido de Rosa Alonso para distintas labores de reparación e mantemento do alumeado público e por pequenos importes que sumados estarían arredor dos 200.000 euros”.
Os populares pedirán que a Secretaría municipal elabore un informe ao respectos destes feitos, analizando se o Goberno municipal con este comportamento incorreu nas prohibicións establecidas na Lei de Contratos do Sector Público e, en todo caso, cuestionan que o PSOE non sexa capaz de diferenciar os intereses laborais e empresariais dos seus concelleiros dos intereses xerais da institución da que forman parte. “Está claro que estamos ante un evidente conflito de intereses ante o que, como mínimo, deberan ter adoptado as cautelas pertinentes para garantir que estes pagos se estaban a efectuar con imparcialidade e sen risco de beneficio persoal”.