NOTA DE PRENSA
González Barcia viaxa a Santiago para reunirse co Presidente de Portos de Galicia.
O portavoz burelés agarda coñecer as intencións futuras da Xunta.
Barcia contactou co sector para preparar a reunión co Alvarez-Campana.
O portavoz do GMPP burelés, José María González Barcia, reunirase mañán en Santiago co Presidente de Portos de Galicia, José Manuel Alvarez-Campana Gallo, co obxectivo de recabar información sobre as obras e outras actuacións que se están a facer no porto de Burela e cales son as previsións de futuro da Xunta de Galicia.
González Barcia indicou que o Plan Director do Porto de Burela foi elaborado pola Xunta de Manuel Fraga e o sector pesqueiro burelés a finais de 2004 e principios de 2005, sendo conselleiro de Obras Públicas Alberto Núñez Feijoo, coa colaboración do propio concello, daquela gobernado polo PP. Ese documento é o que está en vigor e nel recóllense as actuacións precisas e priorizadas para o porto de Burela, a falta dos correspondentes proxectos e presupostos.
O portavoz dos populares lembrou que o PP sempre apostou e apostará polo porto, porque é o motor económico de Burela e un puntal básico da economía do conxunto da Mariña: se o porto de Burela estornuda, a Mariña pode coller a gripe. Polo tanto, hai que coñecer perfectamente que se está a facer e planificar axeitadamente o futuro, en todo momento codo con codo co sector.
Barcia, que previamente a esta reunión con Alvarez-Campana mantivo contactos con representantes de ABSA e da Confraría para preparar a entrevista, indicou que confia plenamente en que o Presidente de Portos de Galicia vaia dando solucións ós problemas que se van plantexando. Alvarez Campana, indicou Barcia, xa demostrou capacidade de xestión cando estivo en Medio Ambiente con José Manuel Barreiro de conselleiro.
O portavoz dos populares de Burela anunciou que nos próximos dias reunirase cos representantes do sector para comunicarlles o resultado da entrevista co Presidente de Portos de Galicia.