NOTA DE PRENSA:
Os populares están convencidos que a polémica infundada sobre a supresión da área sanitaria iniciada por BNG e PSOE pretende agochar esta realidade e adquiren o compromiso de acelerar a atención a toda esta xente que permanecía oculta ás estatísticas oficiais
O PPdeG DENUNCIA E CONSTATA A EXISTENCIA DUNHA LISTA DE ESPERA QUE O BIPARTITO MANTIÑA OCULTA NO HOSPITAL DA COSTA
* A Xunta bipartita negou en todo o momento unha práctica moi habitual da administración socialista, eliminar das estatísticas sobre listas de espera a todas as persoas que agardaban recibir por teléfono a confirmación da súa cita co especialista.
* O caos na xestión da sanidade pública que PSOE e BNG propiciaron na pasada lexislatura fixo que o centro sito en Burela formara parte do triplete con maior lista de espera en Galicia e que o seu plan funcional non dispuxera de respaldo orzamentario nas contas de 2009.
* Os populares afirman que traballarán a reo para descolapsar o centro hospitalario mais asumen que non será unha tarefa doada dada a magnitude da lista de espera oculta polo bipartito.
A Mariña, 26 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia puido constatar e denuncia publicamente a existencia dunha lista de espera que o bipartito mantiña oculta no Hospital da Costa. Un número importante de homes e mulleres con nomes a apelidos que permanecían invisibles ás estatísticas oficiais como consecuencia do maquillaxe e dos subterfuxios que os xestores socialistas e nacionalistas da anterior Xunta empregaban para dar unha imaxe irreal -de bo funcionamento- do sistema público de saúde en Galicia e na Mariña.
A este importante número de veciños debemos engadir aquelas persoas que xa formaban parte da lista de espera recoñecida polos antigos responsables do SERGAS o que da boa conta do colapso que estaba a sufrir o centro sanitario sito en Burela. Os populares están convencidos que agochar esta realidade é o obxectivo das antigas forzas do bipartito, e por iso están provocar unha polémica infundada sobre a supresión da área sanitaria. Neste senso desde o PPdeG asumen o compromiso de acelerar a atención a toda esta xente que permanecía oculta nas estatísticas oficiais
INVISIBLES AS ESTATÍSTICAS DO BIPARTITO
Socialistas e nacionalistas negaron en todo o momento unha práctica moi habitual da administración bipartita, eliminar das estatísticas sobre listas de espera a todas as persoas que esperan recibir por teléfono a confirmación da súa cita co especialista. O Hospital da Costa, aínda con este largo millar de xente sen contabilizar e, segundo os datos oficiais formaba parte do triplete que maiores listas de espera rexistra de entre todos os hospitais galegos. Cómpre lembrar aquí que en diversas ocasións as forzas que integraban o bipartito negaron na pasada lexislatura a posibilidade de auditar os tempos de demora deste centro e incluso impediron a posibilidade de poñer en marcha un plan de urxencia específico para corrixilas.
TRABALLAR ARREO PARA SOLUCIONALO
Os populares afirman que traballarán arreo para descolapsar o centro hospitalario mais asumen que non será unha tarefa doada dada a magnitude da lista de espera que atoparon. En todo caso son optimistas porque a nova administración lonxe de diminuír o catálogo de prestacións e servizos que dispón o Hospital comprometeuse a amplialos, na medida das posibilidades orzamentarias e en atención a outras variables como o incremento da poboación ou o grado de saturación das distintas consultas.
PREOCUPADOS POLA SANIDADE
O deterioro progresivo do sistema público de saúde constituíu unha das problemáticas máis salientables que afectan ao benestar das veciñas e dos veciños da Mariña lucense durante a pasada lexislatura. Consciente desta realidade os populares lamentan que nestes catro últimos anos a deficiente xestión do Goberno bipartito e caos provocado dentro do Servizo Galego de Saúde teña como resultado un fracaso estrepitoso na loita contra as listas de espera.
PLAN FUNCIONAL, MÁIS PROPAGANDA
A isto hai que engadir a política de propaganda exercida pola anterior Xunta bipartita cuxas manifestacións máis explícitas están na elaboración dun plan funcional que atraería un investimento superior aos dous millóns de euros e incluiría a ampliación da estrutura do centro. Nada disto é real xa que nas contas autonómicas para 2009 o Hospital da Costa e o único centro galego que non dispón de consignación orzamentaria expresa para este plan ou, o que é o mesmo, o bipartito esqueceuse de dotalo economicamente para poder desenvolver un investimento deste tipo.
Para o PP a situación actual é responsabilidade, en exclusiva, dos xestores políticos do Goberno bipartito xa que o Hospital da Costa, como o resto dos centros de medicina especializada de Galicia, dispón dun magnífico equipo de profesionais, á altura de calquera país europeo.