Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP apoia a creación dunha base de salvamento marítimo na Costa da Morte

NOTA DE PRENSA
A través dunha emenda presentada polo Grupo Parlamentario Popular a unha iniciativa do BNG que pretendía a compra dun novo helicóptero sen criterios técnicos nin garantías de mellora do servizo que apoien a proposta

O PPdeG APOIA Á CREACIÓN DUNHA BASE DE SALVAMENTO MARÍTIMO NA COSTA DA MORTE CON CAPACIDADE PARA ACOLLER TODOS OS HELICÓPTEROS DE EMERXENCIA

* Os populares ratifican o seu compromiso de garantir os tempos medios de resposta nun máximo de 25 minutos en calquera punto da costa galega.

* O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, salienta na Cámara que “a proposta da Consellería de mellorar as tripulacións premitirá aforrar entre 12 e 17 minutos na resposta e chegada á zona de Fisterra e así é como se mellora a eficiencia e a rapidez e non poñendo helicópteros sen pilotos para sacarse a foto”.

Santiago, 11 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia apoiou hoxe a creación dunha base de salvamento marítimo na Costa da Morte, no lugar que determinen os técnicos, E con capacidade para acoller e dar operatividade a un dos helicópteros de emerxencias que operan en Galcia: Pesca 1, Pesca 2, Helimer ou calquera dos do 061, de xeito que se conte coas necesarias infraestruturas de apoio loxístico e mantemento en terra.

EMENDA DO PPdeG

Na Comisión de Pesca da Cámara, o Grupo Parlamentario Popular presentou unha emenda a unha iniciativa do BNG que pretendía a compra dun novo helicóptero sen criterios técnicos nin garantías de mellora do servizo que apoien a proposta. A emenda que ten por obxecto mellorar a operatividade, eficacia e eficiencia dos actuais recursos de salvamento na zona, tamén plantexa que os tempos medios de respota non superen os 25 minutos en calquera punto da costa galega, as 24 horas do día os 365 días do ano, compromiso que o PPdeG vén defendendo ao longo de todos estes anos e que forma parte das prioridades de acción dos novos responsables da Consellería do Mar.

Por outra banda os populares insistiron na necesidade de reclamar ao Goberno central a mellora e modernización das infraestruturas, equipamentos e dotacións dos servizos de salvamento marítimo que son da súa competencia.

FALLA DE CRITERIOS TÉCNICOS

O portavoz de Mar do PP no Parlamento, José Manuel Balseiro, lembrou na súa intervención que a iniciativa do Goberno bipartito de adquirir un terceiro helicóptero non tivo en conta criterios técnicos e referiuse en concreto a que o SEPLA “dicía que a compra dun terceiro helicóptero non melloraba o servizo”. O informe no que se apoiaba a proposta, engadiu o deputado popular, “non dí que haxa que comprar un helicóptero, nin qué tipo, nin sequera que teña que ir localizado en Lires”, senón que “só di que unhas leiras onde se vai construír o heliporto son aproPiadas, pero non que teñan que ser alí”.

Balseiro resaltou que a alternativa do Goberno de Núñez Feijóo baséase “no fortalecemento do servizo de emerxencia e salvamento marítimo que opera nas nosas costas”. Nos primeiros días de xestión, sinalou, “os novos responsables da Consellería do Mar xa deron conta da súa intención de reforzar as bases dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, co obxecto de prestar un servizo de emerxencias permanente”, en contraste coa situación anterior, na que “os tripulantes dos helicópteros da Xunta estaban na base durante a mañá e o resto do tempo tiñan que estar localizables”. Co novo modelo, “a presenza física das tripulacións as 24 horas do día en base, sumado aos novos programas de adestramento para reducir o tempo de reacción, permitirá incrementar as horas de voo e reducir a demora na resposta das nosas aeronaves”.

O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular salientou na Cámara que “a proposta da Consellería de mellorar as tripulacións premitirá aforrar entre 12 e 17 minutos na resposta e chegada á zona de Fisterra e así é como se mellora a eficiencia e a rapidez e non poñendo helicópteros sen pilotos para sacarse a foto”. O novo Goberno “soubo aproveitar recursos e o defectuoso corsé orzamentario herdado do bipartito para garantir a eficiencia e operatividade dos medios de salvamento”, mediante “unha resposta o máis rápida e eficaz posible”.

Exit mobile version