BURELA (FNC) .- O pleno celebrado onte Burela aprobou por unanimidade o borrador corrixido da adenda ao convenio de cooperación entre a Xunta e o Concello para a adaptación de herba artificial ao campo de fútbol de A Marosa. Unha modificación, segundo a alcaldesa en funcións Neves Cando, que “ven motivada por cambiar as anualidades de achega municipal e da Xunta”. Tamén se aprobou por unanimidade un expediente de modificación de crédito “que supoñía a incorporación do canon pola concesión da auga á empresa adxudicataria, ese excedente de canon que ofertou a empresa hai que incorporalo aos orzamentos municipais”.
Na sesión ordinaria celebrada onte aprobáronse un par de puntos coa abstención do PP que “parece ser que en certos asuntos non se quere mollar, como unha declaración de compatibilidade dunha traballadora e o regulamento de utilización das instalacións deportivas municipais. Neste punto o PP demostrou ben pouco interese polo tema, deu a sensación de que non leu moi a fondo o regulamento porque poñía pegas por cuestións nimias que viñan perfectamente explicadas no propio regulamento”, segue a relatar Neves Cando.
A rexedora en funcións explica que “nas mocións voltamos a constatar que o PP de Burela está completamente fora de rumbo e da realidade, porque co tema da moción que presentamos desde o equipo de goberno para retomar a gratuidade dos libros de texto, o PP insistiu cunha enmenda de substitución falando dunha sociedade máis xusta, dunha gratuidade solidaria para tratar de xustificar ese cinismo, esa hipocrisía e esa incongruencia do seu partido na Xunta que eliminou un sistema de gratuidade dos libros de texto por un sistema que agora nin unha familia mileurista poderá optar nin aos 104 euros que a nova Xunta popular da para estes libros de texto. Cambióuse a gratuidade por axudas que non van chegar nin sequera o 25% das familias galegas e das familias de Burela por suposto, e apelan á solidariedade, a unha gratuidade máis xusta… e apelan a que estamos en tempo de crise e entón non se poden gastar tantos cartos que agora terán que costear as familias. É curioso, porque onte se lles caía a cara de vergoña aos representantes do PP, cando nós lles dixemos que non hai cartos para pagar os libros de texto, pero sí que os hai para gastar 22.000 euros en cambiar a cartelería da galiña azul das escolas infantís ou para gastar 190.000 euros nunhas cartas, nuns trípticos e nuns anuncios na prensa que a Consellería de Educación vai mandar a todos os pais de alumnos de 1º, 2º, 5º e 6º de primaria para explicarlles o da gratuidade dos libros de texto. 190.000 euros que se van gastar en publicidade e en explicarlles ás familias que non terán libros gratuitos, pero sen embargo eses cartos non se poden destiñar para que eses libros de textos sexan gratuitos”.
Cando engade que “o PP presentaba unha moción para crear un banco de datos sobre vivendas de aluguer en Burela, nós xa insistimos estes días en que o PP o que pretende é crear no Concello unha inmobiliaria, algo ao que non estamos disposto. Existen inmobiliarias en Burela que fan ese labor, existe un programa de aluguer da Xunta de Galicia que, polo que nos tememos, ao mellor queren desmontar desde o PP, e nós o que temos como competencia municipal é informar, asesorar e tramitar no ámbito de vivenda, pero non desde logo montar unha inmobiliaria. E foi aprobada por unanimidade a moción do PP sobre o arranxo do cuartel da Garda Civil, cremos que hai que facer obras nese cuartel e como tal así llo imos demandar ao goberno central”.