O rexedor contou que “esta mañá mantiven unha longa conversa co xefe da demarcación de estradas do Estado en Galicia, Angel del Río, para pedirlle cando menos explicacións verbais de porqué se toma esta decisión sen consultar nada ao Concello de Ribadeo. As explicacións para nada son satisfactorias, argumentando que hai unha serie de informes en materia de patrimonio que fan inviable que esta obra se leve adiante. Pero desde logo a parte da queixa que eu lle estou redactanto porque quero contestación por escrito de todo esto, é que esto vai motivar que eu convoque a todos os grupos da Corporación para analizar polo miudo unha situación que raia no absurdo”. Suárez Barcia explicou que “estamos redactando un plan xeral de ordeación municipal, incorporamos no planeamento municipal unha serie de viais que agora en principio parece ser que non se van facer. E todo esto sen que o ministerio nos comunique nada previamente sobre os problemas que poida haber entre a administración autonómica e a do Estado”.
O alcalde entende que “desde logo a solución que estaba previsto facer non era a mellor das posibles, de feito a Corporación xa hai anos mostrara interés de que houbera un acceso central a través desta circunvalación para que puidesen sair os tráficos pesados, sobre todo das parroquias do interior, que puidera facer máis operativa a circunvalación que hoxe non é moi usada por ter os accesos un en cada extremo e por non ter un acceso central. Esta solución que se ía facer por parte de Fomento era mala, pero mellor que nada era polo menos para os camións que non quixesen entrar na malla urbana de Ribadeo que puideran acceder tanto á autovía como ao porto comercial a través desta circunvalación”. Fernando Suárez asegura que “si non se fai nada, e o que é máis grave, non se plantexa, non se nos ofrece, non se nos comunica a intención de retomalo ou de ter unha alternativa me parece que, polo menos polo noso grupo, esto non vai quedar así. Confío en que o resto dos grupos da Corporación de Ribadeo teñamos un mínimo de sentidiño para pedir explicacións e alternativas ao Ministerio de Fomento como titular responsable da execución destas actuacións”.
Solidaridade cos propietarios
O alcalde de Ribadeo insiste en que “seguimos tendo un problema, falta un acceso a esta circunvalación, pero xa desde o punto de vista dos propietarios afectados desde o Concello debemos amosar a nosa solidaridade con eles porque están perplexos. Neste momento me están chegando aquí ao Concello e me din que non entenden como sendo inicialmente expropiados agora o propio ministerio lles está ofrecendo a reversión… e eu si fose particular tamén solicitaría danos e perxuizos”.
Fernando Suárez considera que “non poden expropiar un terreo e despois pasado o tempo non poden dicir que lles devolvan os cartos e que lles entregan os terreos. Haberá xente que poida aceptar e outra que non o queira aceptar. É unha situación cando menos pintoresca. Nas administracións e no Concello cando levamos adiante unha obra é porque teóricamente temos todos os permisos en regra, todos os informes en regra e senón os temos debemos replantexar a obra. Esto de licitar a obra, medio empezar a facela e dar marcha atrás e voltar ao momento inicial parece un conto de nenos, pero aquí falamos de propietarios, de intereses públicos…esto moi grave para que de boas a primeira por unha resolución quede todo como estaba. Eso non é así e polo que é o Concello non vai quedar así”.