Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo investirá 180 mil euros en obras en camiños de varias parroquias

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciou a inminente execución de obras nos camiños de varias parroquias da vila, concretamente en Piñeira, Vilaselán, Cubelas, A Devesa, Vilaframil e Arante, que terán un montante global duns 180.000 euros con cargo no Plan de Obras e Servizos e no Plan Estratéxico de Infraestructuras no Medio Rural. Ademais, Suárez engadiu que se dotarán de anclaxes os contedores de lixo para que o vento non os mova e non causen perigo para os conductores.

O rexedor ribadense explicou que “quero anunciar a inminente execución de obras no medio rural, en varias parroquias de Ribadeo con cargo a dous plans moi importantes, por unha banda, o Plan de Obras e Servizos que levamos adiante entre o Concello, a Deputación e o Ministerio e por outra banda, o Plan Estratéxico de Infraestructuras no Medio Rural que se leva adiante grazas á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Comezando por este último, é un plan que xa estaba aprobado e feito polo anterior goberno autonómico e pola anterior Consellería de Medio Rural, pero que afortunadamente este novo goberno respetou, o que hai que valorar, e que imos actuar en tres parroquias cun importe de 110.000 euros, básicamente en Piñeira, en Vilaselán e en Cubelas, e por outra banda, no Plan de Obras e Servizos, onde tódolos grupos da corporación, nunha xunta de portavoces puideron plantexar as súas propostas, incorporamos A Devesa, Vilaframil e Arante”.

Fernando Suárez sinalou que “en total son dez camiños nestes dous plans que afectan aproximadamente a cinco quilómetros de vías municipais e que teñen un montante global prácticamente de 180.000 euros. O máis importante de todo isto é que nas vindeiras semanas darán inicio os traballos de asfaltado con rego asfáltico en algúns camiños, en asfaltado con aglomerado asfáltico en outros e unha partida tamén importante duns 24.000 euros para a dotación de anclaxes en contedores de lixo en máis puntos das parroquias da vila evitando así, que moitas veces, o vento mova os contedores ocasionando un perigo potencial  para os conductores”.

Suarez  cre que “é unha moi boa noticia para as parroquias de Ribadeo esta nova inxección de diñeiro para os camiños, que se vén complementando co esforzo que estamos facendo esta tempada nas parroquias da costa e do interior con cargo a outros plans que executamos neste gran barco que é o Concello de Ribadeo cunha chea de viais públicos que cando acaba un de rematalos nunha parroquia na outra xa se empezan a estropear, xa que son un montón os camiños públicos que temos”.

Exit mobile version