BURELA (FNC) .- A concelleira de Benestar Social de Burela, Neves Cando, reuniuse con pais e nais da Escola Infantil para mantelos informados do atraso das obras previstas, nun principio para o verán. Cando comunicoulles todas as xestións feitas por parte do Concello e sinalou que, de momento, o goberno municipal substituirá a protección da cuberta por outra máis resistente para garantir as mellores condicións posibles para o desenvolvemento das actividades da escola.
Neves Cando explicou que “o mércores pola tarde tivo lugar na Escola Infantil de Burela unha reunión con nais e pais para informalos, tanto dende a dirección da escola como dende o Concello, do retraso das obras na cuberta do edificio. Pola nosa parte, demos conta aos pais e ás nais de tódalas xestións feitas dende o Concello para o seguimento das mesmas”.
A edil nacionalista lembrou que “despois de que a finais do ano pasado, do 2008, se elaborase por parte dos técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o proxecto para reparar a cuberta deste edificio, da Escola Infantil, na reunión da Comisión mixta do seguimento do convenio que se celebrou en febreiro deste ano, 2009, o Consorcio comprometíase a facer estas obras no verán, despois de oír ás nais e aos pais e á dirección da escola que consideraban que suporía menos trastornos para as familias que estas obras se levasen a cabo durante o periodo estival. Co cambio do goberno na Xunta de Galicia, estas obras sufriron un importante retraso porque o novo xerente do Consorcio non tomou posesión ata o 10 de xuño e estivo todo paralizado durante máis de dous meses”.
Cando afirmou que “dende a Delegación de Benestar Social, o mesmo día que o xerente tomou posesión, nos diriximos a el para solicitarlle unha entrevista e analizar con carácter de urxencia a realización destas obras. Despois dos anuncios na prensa eses días, dicindo por parte da Consellería que as obras eran prioritarias e urxentes, recibimos no Concello, dous meses despois, o día 13 de agosto, unha comunicación do xerente do Consorcio onde se nos informaba de que estaban realizando un novo proxecto e que estaban á espera da valoración económica para a súa contratación. Durante ese mes de agosto viñeron en duas ocasións máis técnicos para analizar o proxecto da obra e pasou o verán sen ter definitivamente aprobado ese proxecto. A comezos de setembro infórmasenos por parte do Consorcio de que falta pechar os últimos detalles do proxecto para despois pasar á fase de adxudicación da obra”.
A concelleira de Benestar sinalou que “toda esta información é a que lle trasladamos a nais e pais para mantelos ao tanto dunhas obras que en principio ían ser para o verán pero que a día de hoxe nada sabemos do seu comezo. Quedamos comprometidos con estas familias de mantelos informados tan pronto nós teñamos noticias de cando e como se van levar a cabo estas obras”.
Neves Cando engadiu que “por parte do Concello, e ante o retraso evidente das obras, substituiremos a protección da cuberta por outra máis resistente porque evidentemente o outono xa chegou e necesitamos garantir as mellores condicións posibles para o desenvolvemento das actividades da Escola Infantil”.