BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde, Neves Cando, asegura que o PP de Burela terá que pronunciarse no pleno desta tarde si está co seu partido ou si está con Burela. Así se refire a edil nacionalista á polémica suscitada nas últimas semanas tras o anuncio efectuado pola conselleira de Sanidade de crear un área sanitaria única na provincia de Lugo.
Cando explicou que “esta tarde levaremos a pleno por parte do equipo de goberno unha moción para defender a actual área sanitaria da Mariña, unha cuestión importantísima para toda a comarca, pero vital para Burela e para todos os veciños. O anuncio que se fixo en Burela por parte da conselleira de Sanidade o pasado mes de xullo no que falaba da creación dun área sanitaria única na provincia de Lugo supón un paso atrás para Burela e para todos os veciños e veciñas do noso pobo. Este anuncio supón que moitos dos nosos veciños terían que volver 25 anos atrás cando se tiñan que desprazar a Lugo porque aquí non había hospital e agora o camiño será o mesmo para seren atendidos por certas especialidades ou para realizar algunhas probas que aquí xa non se poderían realizar, porque imos depender sanitariamente de Lugo capital”.
A concelleira nacionalista considera que “agora o PP de Burela terá que pronunciarse e decidir de que lado está; decidir si segue ás ordes do seu partido, de quen lle paga o soldo ao seu portavoz, o Sr. González Barcia, que por certo ben caladiño está con isto. Decidir si segue ás ordes do seu partido e vota por esta supresión da área sanitaria da Mariña ou si está ao lado dos veciños de Burela”. Neves Cando engade que “queremos saber que opina o Sr.González Barcia e o PP de Burela sobre esta decisión do goberno popular na Xunta de Galicia. Queremos saber si esta será a segunda patada que o PP lle pega a Burela. Recordar que a primeira foi cando levaron a Delegación de Pesca para Celeiro, si ben naquel momento os dirixentes do PP de Burela tiveron a decencia de abandonar o partido por este desprezo. Agora é momento de estar con Burela e cos seus veciños e defender que non se perdan os servizos sanitarios que temos aquí, porque hai un par de anos ben se lles enchía a boca aos representantes locais e comarcais do PP defendendo que non se perderan servizos na Mariña, dicindo que había que achegar a administración aos cidadáns e que se estaba xogando coa Mariña”. A tenente de alcalde burelesa subliña que “agora o PP na Xunta está xogando con Burela e o PP de Burela terá algo que dicir, si está co seu partido ou está con Burela”.