Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela faise cargo da contratación das coidadoras dos comedores escolares

BURELA (FNC) .- O vindeiro luns, 14 de setembro, os comedores dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme de Burela comezarán a funcionar. A delegada de Educación, Lucía Bouza, anunciou que este ano o Concello axudará ás familias na contratación de oito coidadoras con motivo do incremento, nos últimos anos, dos usuarios deste servizo.

A edil de educación, Lucía Bouza, explicou que “o vindeiro luns, día 14 de setembro, comezan a funcionar os comedores escolares no CEIP Virxe do Carme e no CEIP Vista Alegre con algo máis de persoal de atención do que era habitual. Isto débese fundamentalmente a que, nos últimos anos, estes comedores viron incrementado o seu número de usuarios”.

Lucía Bouza sinalou que “por este motivo o Concello de Burela, nun intento de axudar ás familias neste ano tan duro, asume os custes de contratación de oito coidadoras para este curso 2009-2010. Este número tamén é susceptible de verse incrementado en caso de que ó longo do curso seguira subindo o número de usuarios. De non ser así, as familias terían que facer fronte a este gasto de contratación e por iso o Concello quere botarlles unha man e dende logo que imos seguir traballando nesta liña”.

Bouza engadiu que “aqueles que queiran utilizar o servizo de comedor deben poñerse en contacto cos responsables dos seus respectivos centros, tanto do CEIP Virxe do Carme como do CEIP Vista Alegre e alí serán informados do xeito en que poden disfrutar deste servizo”.

Exit mobile version