Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta mocións nos concellos para o mantemento da actual área sanitaria da Mariña

NOTA DE PRENSA:
MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DA ACTUAL ÁREA SANITARIA DA MARIÑA

Exposición de motivos:

A creación, primeiro do Hospital da Costa, como resposta as grandes mobilizacións que viviu A Mariña aos finais dos setenta, e a posterior posta en marcha do mapa sanitario de Galiza aprobado inicialmente polo Decreto 126/1984, e modificado posteriormente polo Decreto 55/1989 que deu orixe a creación da Área Sanitaria da Mariña, significou unha mellora substancial da atención sanitaria da comarca malia as múltiples deficiencias tanto en materia de dotacións e servizos que aínda sufre a zona.

A principio do mes de Xullo, a Conselleira de Sanidade anunciou en Burela a creación dunha área sanitaria única para a provincia de Lugo, o que suporá a supresión da área norte de saúde, que abarca A Mariña, e a centralización da xestión hospitalaria en Lugo. As declaracións da Sra. Pilar Farjas provocaron unha grande preocupación na Comarca pois ao Hospital da Costa están asignados aproximadamente 72.000 persoas, distribuídos en 14 Concellos, que pasarían a ter como primeiro hospital de referencia o Hospital de Lugo, a uns 100 Km do Burela e uns noventa minutos de desprazamento en coche. A maior afondamento a Xerente do Sergas, Rocío Mosquera, non dubidou en equiparar a área sanitaria como “unha integración de hospitais”.

Malia que a Consellaría non concretou o alcance desta proposta máis alá de consideracións xenéricas como “aumentar a eficiencia e a eficacia” ou “o reforzo de novas estratexias organizativas”, é precisamente por esa falla de concreción dados os antecedentes históricos que existen nesta área sanitaria, que a poboación comeza a estar alarmada posto que suporía unha merma importante dos servizos sanitarios ofertados así como da calidade dos existentes.

A xuízo do Grupo Municipal Bloque Nacionalista Galego as consecuencias para a sanidade pública atinxirían tanto aos usuarios como aos profesionais sanitarios e a groso modo resúmese nos seguintes aspectos:

a) Unha xerencia ubicada na cidade de Lugo, quer pola distancia física, quer pola distancia da Mariña coa capital da provincia, implicaría unha dificultade para o acceso á mesma e descoñecemento de moitos problemas e eivas cotiás que xurdisen nos centros da actual área da Costa.

b) Unha xerencia ubicada en Lugo podería pór en cuestión investimentos previstos tanto nos centros de saúde como no propio Hospital da Costa. Neste sentido na Comarca da Mariña observase con preocupación que este novo modelo poña en risco a ampliación do Hospital da Costa, a implantación de novos servizos e especialidades así como a supresión de dotación no centro de saúde.

c) Unha xerencia única coa súa ubicación en Lugo e diante da escaseza de certos profesionais de algunhas especialidades médicas, implicaría desprazamentos constantes da poboación actual da área da costa á cidade. Tendo en conta a distancia xa sinalada, a situación das comunicacións, o tempo de viaxe e ausencia dun transporte público axeitado, eses desprazamentos implicarían unha grande perda da calidade de vida para a poboación afectada alén de teren que asumir os gastos de desprazamento e, no seu caso, de hospedaxe os propios usuarios o que supón unha discriminación con respecto a poboación doutras zonas.

d) A supresión da área sanitaria da Costa implicaría para os/as profesionais da saúde ter que optar a traballar en toda a provincia. Para o persoal eventual, tendo que inscribirse nas listas de contratación provinciais e tendo que aceptar contratos a máis de cen Km do seu domicilio, baixo a ameaza de penalización. Para o persoal fixo que accedera ao seu posto despois da publicación do Estatuto Marco e en base á mobilidade funcional, tendo enriba a espada de Damocles dun traslado forzoso a calquera lugar da provincia en calquera momento.

Por todos estes motivos, a supresión da área sanitaria da Costa, significaría ao ver do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego unha merma na calidade asistencial que se lle presta á poboación da Mariña e non pode consumarse porque sería avanzar no desmantelamento de servizos da Mariña, particularmente nunha cuestión central como é a atención sanitaria.

SOLICITA

1º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ao Pleno da Corporación a que defenda o mantemento do mapa sanitario de Galiza no que atinxe á área de saúde da Costa, mantendo a área sanitaria da Mariña, con todas as competencias que ten na actualidade.

2º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita que se lle de traslado do presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, a Conselleira de Sanidade así como aos grupos políticos con representación na cámara galega.

Exit mobile version