NOTA DE PRENSA
OS NACIONALISTAS PIDEN EXPLICACIÓNS AO GOBERNO DE FEIJOO SOBRE A PARALIZACION DOS COMPROMISOS PARA A RETIRADA DA MADEIRA DERRUBADA POLO KLAUS
A Consellaría do Medio Rural non está cumprindo os acordos acadados polo anterior goberno co sector forestal na Mesa da Madeira.
Tanto productores como a industria transformadora esixe con urxencia o cumprimento destes acordos para evitar perdas maiores.
A Mariña, 10 de setembro de 2009. O parlamentar, Fernando Blanco e o Responsábel Comarcal do BNG, Antonio Veiga, acompañados de representantes da formación nacionalista na zona occidental da comarca da Mariña, ofreceron unha rolda de prensa onde presentaron unha batería de iniciativas, tanto municipais como parlamentares para esixir o cumprimento dos acordos acadados co anterior goberno bipartito na Mesa da Madeira para a retirada da madeira derrubada polo ciclón “Klaus” entre o 23 e o 24 de xaneiro. Os nacionalistas cualificaron de “conselleiro ausente” ao actual titular da Consellaría do Medio Rural que se escudou detrás dunha parlamentaria do seu partido para “non dar a cara” e comprometerse co sector a dar cumprimento aos acordos acadados polo anterior conselleiro, Alfredo Suárez Canal.
“Goberno ausente que non asume as súas responsabilidades”
A parálise na continuación dos traballos de retirada da madeira derrubada polo ciclón “Klaus” pon de manifesto a incapacidade do goberno de Feijoo, para dar continuidade aos acordos establecidos na Mesa da Madeira, entre o anterior Conselleiro do Medio Rural Alfredo Suárez Canal e o sector forestal, nos que se fixaba como prioridade a retirada da madeira dos montes e o seu almacenamento co apoio do SEAGA en parques creados a tal efecto, “algo que non se está a cumprir” tal como denuncian tanto propietarios como industria transformadora”. “Non é de recibo que o conselleiro, Samuel Juárez, se escude detrás dunha parlamentaria do seu partido e non de a cara cun sector vital para a economía da comarca”, sinalou Antonio Veiga. O portavoz nacionalista tamén fixo mención ao recoñecemento por parte do PP de que a madeira retirada ate o momento non superaba o 10% da prevista, “o dato é significativo xa que si e así demostra que estamos diante dun goberno ausente que non asume a súas responsabilidades e abandona ao sector” dixo Veiga.
Presentación de iniciativas nos concellos e no Parlamento Galego
Ademais da presentación de mocións nos concellos mais afectados para que a Consellaría do Medio Rural active o acordado na Mesa da Madeira, especialmente nos da zona occidental da comarca; os nacionalistas anunciaron a presentación de varias preguntas no Parlamento Galego a fin de a Xunta de Galiza de explicacións sobre cales son as previsións da Consellaría do ramo en relación a este tema. Neste sentido, Antonio Veiga denunciou a actitude dos candidatos do PP da comarca que durante a campaña das eleccións autonómicas acusaban de neglixente ao anterior titular de Medio Rural mentres traballaba co sector para dar solucións ao problema, agora que lles toca cumprir a eles dedícanse a tapar a incompetencia da consellaría neste asunto.