Nota de Prensa
O BNG CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN POLA APERTURA DA GALESCOLA
O BNG, diante da decisión da Xunta de Galiza de non abrir a Escola Infantíl de Foz neste curso fai un chamamento aos veciños de Foz para acudir á concentración que se celebrará diante da Galescola o sábado, día 26 de setembro, ás 12 h.
Hai que recordar que a Vicepresidencia da Xunta de Galiza no anterior goberno, dirixida polo BNG, procedeu a investir perto de 500.000 Euros na rehabilitación do antigo Hotel Bahía para converte-lo nunha escola infantil con capacidade para atender a 60 nenos e nenas entre 0 e 3 anos e no que traballarían arredor de 20 persoas. Esta é era unha das moitas galescolas que o BNG pensaba implantar na comarca e por todo o pais, dentro dunha política de mellora e aumento dos servizos sociais e públicos (centros de día, galescolas, transporte adaptado, xanta na casa,…)
Para o BNG esta decisión é tan inxusta e inxustificada que necesita dunha contestación masiva para demostrarlle á Xunta que con estas cousas non se pode facer política partidaria. O PP con esta decisión está privando a máis de sesenta nenos e nenas a que neste curso escolar non teñan a posibilidade de educarse con outros nenos da súa idade en mans de profesionais, ao mesmo tempo que xera nas familias unha situación imposible para conciliar a súa vida laboral e familiar, moi necesaria nos tempos de crise que corren.
A única xustificación que o PP deu é a falta de dotación orzamentaria pero non teñen ningún problema en gastar 1,3 millóns de euros en elaborar a nova imaxe corporativa das escolas infantís e a dota-las dunha nova sinaléctica. Polo tanto, a apertura da Galescola é unha cuestión de vontade política e desde o BNG sabemos que a intención do PP con estas decisión é a de desmantelar o estado de benestar en materia de servizos sociais que estaba en marcha co anterior goberno.
Pero é que a maiores, o PP na Xunta está a incumprir o Convenio asinado o 17 de decembro de 2008 entre o Consorcio e o Concello, onde a Xunta comprometíase a poñer en funcionamento a escola infantil no mes de setembro deste ano. Se ben a palabra debe ser sagrada en calquera manifestación pública por parte dunha institución, debe selo máis cando esa palabra consta por escrito.
O Bloque Nacionalista Galego considera que Foz non pode agardar máis pola apertura desta Escola Infantil e neste sentido esixe dos actuais responsábeis da Xunta de Galiza que proceda a súa apertura coa máxima urxencia. Ese é o motivo da convocatoria, unha convocatoria que está aberta a toda a cidadanía, independentemente da súa ideoloxía, en primeiro lugar a todos os afectados directamente pero tamén a todos os que pensan que a escola infantil é un servizo básico que non pode esperar. Porque cando se trata de defender un servizo público coma este as ideoloxías deben quedar aparte.