Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que “goberno do Partido Popular” está atacando ó conxunto do sistema educativo

Nota de Prensa

O BNG denuncia os ataques da Xunta ao sistema educativo

Veiga afirma que o PP só acerta cando rectifica

O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar o ataque que está a sufrir o conxunto do sistema educativo por parte do Goberno do Partido Popular o que está a provocar a resposta xeneralizada por parte da comunidade educativa. Neste sentido desde o BNG queremos expresar o noso apoio as mobilizacións que van levar a cabo diferentes ANPAS en distintos centros educativos da Mariña.
Antonio Veiga, Responsábel – Portavoz do BNG, afirmou que detrás da política do PP en materia educativa o que se agocha é unha planificación perfectamente definida polo Partido Popular coa que se pretende desmantelar o conxunto dos servizos públicos utilizando como coartada a crise económica. “Claro que hai crise, é mais, estamos diante dunha crise fonda, pero o que o PP pretende é que sexan as maiorías sociais, as clases populares quen apanden con ela” remarcou Veiga.
Na mesma liña o nacionalista quixo volver a expresar a oposición do BNG a supresión da gratuidade dos libros de texto posto que atenta contra o dereito a unha educación universal, obrigatoria e gratuíta, supón a posta en marcha dun modelo que implica un custo 3,2 veces máis caro que o anterior e implica trasladar nun contexto de crise económica unha carga as familias galegas de 150 millóns de Euros en 4 anos. “Hai que chamarlle as cousas polo seu nome, e aquí, estamos diante dun recorte de prestacións, non dun importante aforro económico”.
Veiga quixo demandar tamén da Consellaría de Educación que se procedese a cubrir as prazas de profesores de apoio que seguen vacantes nos centros educativos da Comarca así como de persoal auxiliar. “As declaracións efectuadas polos responsábeis da Consellaría de que este problema se ía solucionar a medida que se iniciase o curso resultaron ser escusas e a dia de hoxe seguimos igual. Non é un problema de cartos, é un problema de prioridade de gasto e senón que llo pregunten aos centros que segregan alumnos en función do xénero, que este ano volveron a recibir axudas millonarias”.
O BNG volveu a esixir da Xunta de Galiza unha mudanza na súa política educativa, posto que os galegos nas eleccións de Marzo non lle deron un aval as propostas que está levando adiante. “O PP só acerta cando modifica a súa postura”, rematou Veiga.

Exit mobile version