Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que acadou o compromiso da Xunta para axudar a traballadores de auxiliares de Alcoa que perderon o emprego

Nota de Prensa

O BNG CONSEGUE NO PARLAMENTO GALEGO O COMPROMISO DA XUNTA DE AXUDAR AOS TRABALLADORES DAS AUXILIARES DE ALCOA QUE PERDERON O SEU EMPREGO

Fernando Blanco segue demandando que a Consellaría de Traballo poña en marcha un plan de axudas para estes traballadores

Santiago de Compostela, 29 setembro 09.-  O deputado do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, arrincou hoxe no Parlamento Galego o compromiso da Xunta de Galiza de axudar aos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares de Alcoa que perderon os seus postos de traballo.

O parlamentario do BNG dirixiuse esta mañá na Comisión 5º do Parlamento Galego á Consellaría de Traballo para esixirlle que poña en marcha medidas de apoio a estes traballadores. Fernando Blanco advertía de que “o descenso da carga de traballo de Alcoa pola baixada no consumo de aluminio está a provocar unha auténtica sangría nas empresas auxiliares da Mariña”.

Neste sentido, Fernando Blanco denunciou que “nos últimos seis meses máis de 200 traballadores perderon o seu emprego, e todo indica que esta destrución de emprego se está a acentuar, provocando unha precarización das condicións de traballo nas empresas auxiliares”. Ademais, subliñou a importancia económica de Alcoa para a comarca da Mariña, con 1.372 postos de traballo directos e 600 nas empresas auxilliares, estimándose que a actividade económica da multinacional representa o 30% do PIB da provincia de Lugo”.

Bolsa de emprego e plano de recolocación

Na súa resposta, o director xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo e Benestar, Odilo Martiñá Rodríguez, comprometeuse a poñer en marcha unha Bolsa de Emprego e dun plano de recolocación, formación e busca activa de emprego para os traballadores das industrias auxiliares que perderon o seu traballo.

Fernando Blanco amosou o seu apoio a estas medidas pero advertiu de que “o BNG estará vixilante para que a Xunta de Galiza cumpra os seus compromisos, xa que no mes de xuño a Consellaría de Traballo xa se comprometera a estudar as reivindicacións dos sindicatos e a día de hoxe aínda non se puxeron en marcha”.

O deputado nacionalista reiterou o compromiso do BNG cos traballadores e precisou que “a nosa iniciativa parlamentar xurdiu dos contactos que mantemos coa Coordinadora de Traballadores de Auxiliares de Alcoa”, que agrupa aos delegados sindicais das empresas que traballan para a multinacional do aluminio.

Por último, Fernando Blanco, demandou que a Xunta poña en marcha un plan de axudas específico para fomentar a inserción laboral destes traballadores.

Exit mobile version