Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo asegura que a escola de música funcionará con total normalidade

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, saiu ao paso de determinados comentarios verquidos nos medios de comunicación por algúns membros da oposición en relación ao expedente disciplinario que se lle abriu hai tempo ao director da Escola Municipal de Música, Lourenço Cruz. Fernando Suárez, insiste en que non vai dicir nada ata que dito expediente estea en fase de resolución e asegurou que serían uns irresponsables se ante determinados feitos que se puxeron no seu coñecemento, non actuasen.

O alcalde ribadense dixo que “quero saír ao paso de determinados comentarios que se están verquendo en varios medios de comunicación por parte de membros da oposición deste Concello, non sei si de parte ou de todos, en relación con este expediente disciplinario que se lle abriu ao director da Escola de Música e Banda Municipal. Eu, como xa dixen no seu momento, cando advertín públicamente de que se incoara un expediente en función de que se deducían determinadas conductas ou feitos que poderían non ser correctos, dixen que non ía dicir nada sobre isto ata que o expedente estivera en fase de resolución e vou seguir mantendo ese mesmo criterio”.

Fernando Suárez explicou que “dende logo nós somos persoas serias, non nos subimos ao carro de calquera circunstancia para enguedellar como están facendo algúns dos membros da oposición deste Concello, nós sempre nos remitimos a informes varios, que os temos, sobre presuntos feitos, e por iso incoamos este expediente disciplinario. Nada temos con ningún traballador, o único que pretendemos defender é a Escola de Música de Ribadeo e aos seus traballadores, queremos defender unha institución na que hai practicamente 300 alumnos e que coma sempre vai seguir funcionando con total normalidade a partires do 25 de setembro, que é cando se fai a primeira xuntanza. Este ano comezará con normalidade, mandarase información, coma sempre, a tódolos pais, e para nada se vai resentir o funcionamento da Escola de Música con este expediente disciplinario que está incoado dende hai tempo”. Suárez asegurou que como responsables políticos do Concello de Ribadeo “levaremos esta investigación ata as súas últimas consecuencias”.

O rexedor seguiu relatando que “en canto á oposición, non sei se toda ou parte, entendemos que hai que ser máis responsables. Non sei que xuízo pode merecer a cidadanía á conduta de determinados membros da oposición deste Concello, que antes de coñecer este expediente, porque o teñen pedido, pero aínda non o teñen, xa despois de que o alcalde e a concelleira de Cultura lles explicamos, tivemos a delicadeza de explicarlles, todos os antecedentes que nós coñecíamos e que deron lugar á incoación deste expediente disciplinario, que teñan o criterio de tirarse contra nós, pedíndonos non sei qué responsabilidades, cando aínda eles mesmos son conscientes de non ter visto o expediente, nin saben o que alí hai”.

Fernando Suárez engadiu que “dende logo, parece mentira que, despois de escoitar a parte á que se lle incoa este expediente, eles mesmos xa se queren converter en xuíz e parte á marxe de velo. Eu creo que todo o que estamos facendo, as decisións que se tomaron e que se poden tomar, son para que a Escola de Música funcione con normalidade e nós dende logo, non queremos ir a ningunha guerra de maneira innecesaria, pero simplemente insisto en que ante tales feitos, que se nos plantexaron e que tivemos coñecemento deles, debemos actuar, debemos incoar, abrir unha investigación como é o caso e cos resultados que procedan, que por certo, eu non son o instrutor dese expediente”.

Exit mobile version