Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde recoñece publicamente o labor da directora do Hospital Asilo de Ribadeo trasladada a Lituania

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agradeceu hoxe o traballo realizado á directora saínte do Hospital Asilo e deu a benvida á nova responsable.

O rexedor sinalou que “hoxe quero agradecer públicamente á Madre Noelia, que ata agora foi a directora, nestes últimos cinco anos, do Hospital Asilo de Ribadeo. Agora vai ser trasladada pola súa orde relixiosa a Lituania, e eu creo que dende o punto de vista institucional é moi correcto agradecerlle o trato, agradecerlle o traballo, a adicación que tivo con Ribadeo, coa xente, cos maiores que nestes últimos anos nos que ela  foi directora, estiveron neste Hospital-Asilo de Ribadeo e dende logo tamén queremos no día de hoxe darlle a benvida á nova directora, á Madre Emma que vén dende as Illas Canarias, xa que estivo traballando alí noutra cuestión social”.

Fernando Suárez considera que “nos cinco anos que ela levou aquí, facendo unha visión retrospectiva, cambiaron moitas cousas para ben, todo hai que dicilo, neste tempo que ela estivo como directora. Cando ela chegou asumiu que había unha situación problemática aquí no Hospital Asilo, había unha serie de problemas económicos e ela tivo que racionalizar ingresos con gastos dentro das posibilidades reais que existían. Ao mesmo tempo, dende hai uns poucos anos, dende os servizos de inspección autonómicos había determinadas suxerencias para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á xente maior. Houbo que facer melloras nas infraestructuras que contaron cunha forte inversión tanto da Xunta de Galicia, como da  Deputación Provincial, como do Concello e como non, para todo isto foi fundamental ter a colaboración da dirección do centro dado que se substituiron un sinfín de cuestións dende as camas de ferro, ata a maquinaria de lavandería que estaba obsoleta, baños que non estaban adaptados, non había ximnasio, agora dende hai un tempo, xa hai un botiquín novo, hai  nova lavandería, hai servizo de fisioterapeuta, etc, etc, etc”.

O alcalde lembrou “o debate que tivemos hai moi poucos meses e que contou co apoio case unánime de toda a corporación e que no seu momento a Madre Noelia e máis eu sentámonos e collemos o touro polos cornos da situación, analizamos  e vimos que os ingresos que o Hospital Asilo recibía das axudas que a xente daba era insuficiente para manter este servizo polo tanto propuxemos un novo regulamento, consensuado entre as dúas partes, entre o Concello e a dirección do Hospital Asilo, que foi aprobado maioritariamente por PP, o PSOE e o BNG. Aprobamos este novo regulamento que esixía unha serie de dereitos e obrigas tanto para os usuarios como para a directiva deste centro, é un regulamento que a día de hoxe cumpre coas normativas actuais e que dende logo intenta reducir esta fenda existente entre ingresos e gastos e ao mesmo tempo abre a porta a que a Xunta de Galicia poida aportar fondos seus de maneira ordinaria, que era algo que ata que este regulamento non estivo vixente, prácticamente ata hai cinco ou seis meses, non era posible, que de maneira ordinaria a comunidade autónoma poidera axudar a este Hospital Asilo, e todo isto, baixo a dirección destes anos da Madre Noelia”.

O rexedor asegura que “este regulamento que estamos poñendo en marcha ten que estar engrasado á perfección, estamos empezando a ter as comisións bilaterais, tal cual marca o regulamento á hora de admitir as peticións da xente maior que quere ingresar neste Hospital Asilo para que sexa dende o punto de vista transparente, dende o punto de vista dos criterios técnicos e obxectivos, porque moitas veces non hai prazas para toda a xente que quere entrar. Polo tanto hai que ter unha serie de criterios obxectivos tal e como marcamos neste regulamento que aprobamos de consenso entre a dirección do Hospital Asilo que rixe esta congregación relixiosa Marta e María e máis o Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia engade que “polo tanto eu como alcalde Ribadeo, eu creo que é de ben nacidos ser agradecidos desexarlle o mellor na súa nova misión en Lituania e dende logo ao mesmo tempo dámoslle a benvida á Madre Emma que seguramente terá moitísimas cousas que levar adiante”.

Exit mobile version