Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela di que o seu goberno loitará por manter a área sanitaria da Mariña

BURLA (FNC) .- O pleno do Concello de Burela celebrado onte acordou por unanimidade a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local polas empresas subministradoras de servizos de telefonía móvil. Tamén foi aprobado definitivamente por unanimidade a instalación dunha subestación eléctrica no municipio.

O rexedor, Alfredo Llano, subliña a aprobación por unanimidade dunha resolución en defensa do mantemento da área sanitaria da Mariña, pero critica que “ata onte os membros do PP de Burela non visen a luz, aínda que máis parece que quixeron salvar un pouco os mobles con toda a polémica e a incerteza que se creou estes días na nosa vila e tamén en toda a comarca”. O alcalde engade que “sospeitamos que os populares bureleses sí están de acordo coa integración da Mariña nesa área sanitaria única que tería como epicentro Lugo, xa que estiveron moi caladiños ata o de agora. Nós non podemos permitir que eso ocorra porque suporía un retraso e sería algo moi negativo para toda a comarca”.

Alfredo Llano amósase sorprendido de que “se solicite desde o PP a ampliación de servizos para o hospital de Burela, e que quitasen de aquí nada máis chegar as autopsias que agora se fan en Lugo. Ás primeiras de cambio ó chegar á Xunta suprimiron ese servizo no hospital de Burela, é algo que non entendemos. Estaremos moi atentos a todos os movementos que se poidan producir neste sentido e loitaremos para defender o mantemento da área sanitaria da Mariña”.

No pleno celebrado onte foi aprobada por unanimidade unha moción do PP solicitando a creación dunha comisión de seguimento do PXOM, “aínda que incluímos unha emenda do equipo de goberno porque non estábamos de acordo co calendario de xuntanzas que pretendían establecer. Cremos que se está a dar información na comisión de urbanismo e cando teñamos máis datos e máis información farase chegar a esa comisión de seguimento, pero será cando haxa datos suficientes para seren contados. BNG e PSOE queremos ademais que os veciños aporten as súas opinións sobre o plan xeral”, segue a contar Alfredo Llano. O alcalde engadiu que “tamén analizamos dous mocións sobre o financiamento presentadas polo PP e ás que nós tamén propuxemos emendas. Nós queremos implicar á Xunta de Galicia en todo esto porque ten responsabilidades e queremos que se comprometa a complementar o financiamento dos concellos. Cando se negocie todo o relativo ó financiamento local terán que estar presentes os concellos, as autonomías e o goberno central para entre todos chegar a ese novo modelo e ó regulamento xurídico no cal se vai basear”.

Exit mobile version