CERVO .- A Delegación de Deportes do Concello de Cervo, que dirixe a edil do Partido Popular Yolanda Pedreira, vén de informar que o vindeiro martes 15 de setembro dará inicio a nova tempada das Escolas Deportivas Municipal (EDM) unha actividade posta en marcha ao inicio da presente lexislatura polo Goberno municipal.
No pasado ano preto de 200 rapaces e adultos participaron nesta actividade que ten por obxecto a promoción do deporte e de hábitos de vida saudables relacionados coa práctica de distintas actividades deportivas.
O Concello de Cervo mantén a ampla oferta de actividades tanto infantís como para adultos entre as que destaca patinaxe, baloncesto, fútbol, tenis, aerobic e ximnasia artística –para os máis novos- e ximnasia de mantemento, aerobic e tai-chi para maiores de 18 anos. Os interesados poderán consultar os horarios e o lugar de desenvolvemento das actividades nun folleto que está a elaborar o Concello e que distribuirá tanto nos centros educativos, como na Casa do Concello e Casa da Cultura. Tamén chegarán a cada un dos fogares dos adultos que xa estiveran inscritos na pasada tempada nalgunha das actividades.
Como principal novidade, o Concello de Cervo está a valorar que o desenvolvemento das clases nas actividades deportivas para adultos sexa continuo, isto é que non se suspendan con ocasión das vacacións escolares, como acontece coas actividades infantís, deste xeito poderán seguir realizando as actividades en periodos como o Nadal ou Semana Santa.