Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova edición do curso sobre educación infantil da Mariña en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O 26 de setembro terá lugar unha nova edición do Curso temático sobre educación infantil da Mariña que organizan o Concello de Ribadeo e o IES Gamallo Fierros. Este ano abordará as concepcións sociais da infancia e os medios de comunicación.

O rexedor ribadense destacou que “consolidamos esta iniciativa do IES Gamallo Fierros en colaboración co Concello de Ribadeo neste curso temático sobre educación infantil de A Mariña e que nesta edición do 2009, que xa é a terceira, leva por título Concepcións sociais da infancia e medios de comunicación. Debemos dicir que este curso temático de educación infantil de A Mariña foi pioneiro e segue sendo pioneiro, porque non existe outro no país de similares características e ademais é xa referencial pola masiva asistencia de persoas que sempre se inscribiron e que contamos que este ano así o volvan facer novamente”.

Fernando Suárez explicou que “coa temática que abordamos neste ano 2009, pretendemos dar a coñecer e divulgar un asunto que non é suficientemente coñecido, pero que é de interese para a protección e o desenvolvemento da infancia, porque ademais, o tratamento da información por parte dos medios de comunicación relativo á infancia sempre é un tema controvertido, é un tema complexo para os informadores dos medios pola inexistencia de liñas claras de actuación á hora de enfocar o traballo informativo nos diferentes medios”.

Suárez engadiu que “con este traballo sempre ímprobo por parte do IES Gamallo Fierros e coa colaboración sempre da Área da Muller do Concello de Ribadeo queremos presentar este novo curso e contamos que haxa e que se anote moita xente coma sempre para participar nesta iniciativa positiva”.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 23 de setembro e poderá realizarse no Centro de Información á Muller, situado no Auditorio de Ribadeo.

Exit mobile version