BUREA (FNC) .- A concelleira de Cultura de Burela, Neves Cando viaxou hai uns días ao Concello de Poio para pasar o testemuño da organización do premio de novela longa Blanco Amor a ese Concello. No sorteo realizado o pasado 30 de maio no acto de entrega do premio Blanco Amor, que este ano se desenvolveu en Burela, resultou elexido Poio como organizador da XXVIII edición deste prestixioso premio da nosa literatura.
Neves Cando comentoulle á concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz Iglesias tódolos aspectos relativos á organización do citado evento literario. Cando sinalou que “para o Concello de Burela supuxo unha enorme satisfacción a organización desta pasada edición do Premio Blanco Amor e, en palabras da propia concelleira de Cultura de Poio, para eles tamén significa un grande honor e responsabilidade”.
A edil nacionalista lembrou que “este premio literario, que é o máis representativo das nosas letras, non só polo prestixio literario que supón, senón tamén polo premio económico que leva aparellado, é un premio organizado polos concellos galegos e neste ano 2009 son xa 76 os concellos patrocinadores, pois cada ano se incorpora algún máis. Na XXVII edición organizada polo Concello de Burela o gañador foi Luís Rei Núñez coa súa novela Monte Louro. E agora tócalle o turno ao Concello de Poio”.