Que a labor diaria dun goberno municipal é unha tarefa complexa, creo que está claro para a maior parte dos veciños dunha vila. Sen tratar de ser exahustivo, senón de aplicarlle un pouco de sentido común á vida diaria deberíase analizar as principais tarefas as que se adican os nosos munícipes e ata que punto son coherentes coas que os cidadáns depositamos neles.
Nos gobernos monocores soe haber un líder que dita doutrina e os demais a obedecer e levantar a man, unha expresión que indica esto e aquela de “eu o que diga o Sr alcalde”. As cousas comprícanse moito máis cando hai gobernos de coalición, de maneira especial nas pequenas vilas onde a adicación dos concelleiros é escasa, xa que compatibilizan os seus traballos e a adicación pública por horas ou minutos.
Os gobernos, deben levar acabo os seus programas electorais cos que se presentaron a cidadanía, buscando financiación para aqueles proxectos que estaban no programa, teñen que deseñar día a día as labores das súas concellarias, atender as suxerencias dos administrados,… por unha banda. Unha segunda faceta da súa actividade é a de comunicar, facer chegar aos votantes os beneficios que para a vida diaria ten a labor que van levando a cabo de cara a que a finais da lexislatura acaden a renovación nos seus postos, obxectivo máximo para os partidos que representan.
As dúas labores anteriores son moi importantes, tan importante é levar a cabo as accións previstas no programa coma que a cidadanía “se entere” de que se fai dende o concello polo noso benestar. Quero facer un pouco de fincapé nesta última tarefa na de comunicar con algún exempro práctico. Nos gobernos de coalición dalgunhas das vilas de A Mariña, a maioría bipartitos, soe haber dúas voces, unha de cada partido que poden estar máis ou menos coordenados que se encargan de saír nos medios poñendo en valor aquelo que fai o seu grupo no goberno, dando nalgún caso a imaxe que tanto rédito lle deu ao PP de que coma na Xunta anterior “hai dous gobernos”.
Nalgúns destes gobernos, e vou poñer o exempro de Burela, xa que seguramente é o que mellor coñezo, por razón de ser a vila onde vivo; efectivamente, baixo o meu punto de vista era así, dúas voces moi asimétricas, que non respondían para nada a proporcionalide da representación dos partidos no goberno. Pero ultimamente, para un observador externo, a imaxe é que hai seis ou sete gobernos, tantos como delegacións municipais, que lonxe de coordenarse, lanzan cada unha a súas programacións de actividades e propostas, aínda que coincidan no mesmo día e se solapen unhas a outras, co cal os administrados que desexarían estar informados, perciben algo que ten pinta de “popourri” de orquesta que non soa máis que a ruído.
Este artigo dende logo non nace coa idea de dárlle consellos a ninguén, senón coma unha observación da realidade que nos rodea, simplemente observar que deste xeito é moi difícil que os cidadáns se enteren do traballo do goberno e para máis dificultades se coma no caso de Burela a oposición se adica a hiperactuar, creando unha falsa idea de actividade, que é só palabrería, que non obstante, logra o obxectivo previsto de confundir e calar na poboación a idea de que o goberno está ausente. Ten o goberno municipal que facer unha análise da realidade de Burela, e comparala coa “realidade” de Burela nos medios, e modificar algúns aspectos se quere comunicar co electorado.