Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Medio Ambiente de Burela satisfeita coa participación na Semana Europea da Mobilidade

BURELA (FNC) .- Unha vez rematados os actos da Semana Europea da Mobilidade, a delegada de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amósase moi satisfeita cos resultados e fai un balance moi positivo xa que houbo un índice de participación moi alto, houbo moita xente que pediu que se repetira a iniciativa máis veces ó ano e o feito de escoller o domingo para pechar as rúas ó tráfico non ocasionou grandes molestias.

Lucía Bouza explicou que “ houbo un alto índice de participación en tódalas actividades programadas, moi especialmente nas do domingo, que era o día no que se pecharon algunhas rúas ó tráfico, e dicir tamén que fomos moi afortunados porque o tempo nos acompañou, porque como é lóxico nas actividades ó aire libre se chove evidentemente estropéanse un pouco. Afortunadamente, a choiva deunos unha tregua, puidemos realizar as actividades como estaban programadas e houbo unha grande afluencia de público, especialmente de público infantil”.

A edil de Medio Ambiente sinalou que “en segundo lugar, tamén facemos un balance positivo porque o domingo foron moitos os que se dirixiron a nós para comunicarnos que lles parecía unha iniciativa moi interesante e que lles parecía oportuno que repetíramos máis dun día ó ano o que é o peche de rúas con organización de actividades nas mesmas. Todos nos pedían que o fixeramos máis a miudo. E en terceiro lugar, hai que dicir que o feito de escoller o domingo como día para facer os cortes de tráfico implicou que foran moi escasas as molestias ocasionadas, xa que non temos coñecemento de que houbera ningunha en particular e por isto este ano quedaron moito máis reducidas estas molestias que poderían ocasionarse nun día pola semana”.

Bouza lembrou que “o Concello de Burela loita por mellorar a mobilidade e a accesibilidade tódolos días do ano, non só durante a Semana Europea da Mobilidade. Por iso, en vindeiras datas vanse rebaixar beirarrúas, crearanse máis zonas de distribución de carga, pasos elevados e tamén se colocarán beirarrúas táctiles, entre outras medidas que tomou a Concellaría de Obras en colaboración sempre coa Delegación de Medio Ambiente”.

A edil socialista engadiu que “é de agradecer sinceramente a participación a todos aqueles colectivos que se implicaron nesta Semana Europea da Mobilidade porque consideraron que é un motivo importante para colaborar con nós. Deste xeito, as organizacións que participaron foron o colectivo cultural Buril, a asociación de sendeirismo Pasada das Cabras, o Clube Ciclista de Burela, a asociación de palilleiras e a asociación musical Dambara. Todos estes colectivos colaboraron desinteresadamente con nós na celebración organizando actividades para reforzar a semana e por este motivo estámoslles moi agradecidos, igual que o estamos con tódolos hosteleiros que participaron nas xornadas gastronómicas que tamén apoiaron esta medida que a nós nos parece tan importante”.

Exit mobile version